Utilizamos cookies para asegurar que damos a mellor experiencia a o usuario no noso sitio web. Si continúa utilizando este sitio asumiremos que está de acordo. Mais información Política de Cookies

GPP defenderá no pleno transporte metropolitano Vigo e mellora vacinación gripe

27 Out 2015


O GRUPO POPULAR DEFENDERÁ NO PLENO MELLORAR A COBERTURA DA VACINACIÓN DA GRIPE E INCORPORAR O TRANSPORTE PÚBLICO URBANO DE VIGO NO TRANSPORTE METROPOLITANO



·    Tamén preguntará ao Goberno galego sobre a evolución do turismo en Galicia e a conexión do polígono industrial de San Cibrao das Viñas coa A-52



Santiago, 26 de outubro de 2015.- O Grupo Popular defenderá no Pleno que se celebra mañá e o mércores dúas proposicións non de lei para mellorar a cobertura poboacional con respecto á vacinación da gripe e para que o transporte público urbano de Vigo se incorpore ao Plan de Transporte Metropolitano existente na comarca viguesa.



A sesión plenaria dará comezo mañá coa elección de tres membros do Consello Social da Universidade de A Coruña e a comparecencia do conselleiro de Educación para dar conta do inicio do curso escolar.



Dentro do apartado de proposicións non de lei, o Grupo Popular defenderá que a Xunta aumente os esforzos que ven realizando para mellorar a cobertura poboacional con respecto á vacinación da gripe.



EFECTIVIDADE DA VACINA



O portavoz popular, Pedro Puy, manifestou que a efectividade da vacinación contra a gripe “está totalmente comprobada”, pero alertou “dunha diminución nos últimos anos do número de persoas que se vacinan voluntariamente”. Por este motivo, desde o Grupo Popular se insta ao Goberno a que realice unha cobertura poboacional máis ampla e faga esforzos para incrementar o número de persoas vacinadas.



Unha segunda proposición non de lei defendida polo Grupo Popular ten que ver coa inclusión do transporte público urbano da cidade de Vigo no Plan de Transporte Metropolitano. Pedro Puy explicou que na actualidade todos os usuarios da área metropolitana teñen a posibilidade de obter un billete único que permite utilizar todos os transportes públicos que conectan os 12 concellos, acolléndose a vantaxes que van desde descontos ata a comodidade de non ter que retirar distintos billetes para cada medio de transporte que se utilice.



REANUDAR AS NEGOCIACIÓNS



“Este Plan de Transporte Metropolitano inclúe todos os transportes públicos existentes na área de Vigo cunha única excepción: o transporte público urbano da cidade viguesa”, lamentou Puy. Deste xeito, explicou que esta situación “xera máis custos e molestias, non só para os usuarios do transporte público do resto da área, senón tamén á propia cidadanía de Vigo”, polo que o Grupo Popular defende que Xunta de Galicia e Concello de Vigo reanuden as negociacións para incluír o transporte urbano nos servizos do Plan de Transporte Metropolitano.



Así mesmo, os deputados do Grupo Popular cuestionarán ao Goberno galego sobre a evolución do turismo en Galicia e sobre a conexión do polígono industrial de San Cibrao das Viñas en Ourense coa A-52.

Síguenos nas redes sociais