Utilizamos cookies para asegurar que damos a mellor experiencia a o usuario no noso sitio web. Si continúa utilizando este sitio asumiremos que está de acordo. Mais información Política de Cookies

Feijóo inaugura o Centro que “revolucionará” a acollida de peregrinos

26 Out 2015

O titular da Xunta presidiu hoxe a inauguración do Centro Internacional de Acollida aos Peregrinos

Feijóo inaugura o Centro que “revolucionará” a acollida de peregrinos: “hoxe chegan máis que nunca e estarán mellor atendidos que nunca”

  • Sinala que a Xunta achegou ao proxecto un millón e medio de euros, “pouco se o comparamos co extraordinario retorno directo e indirecto que se produce”
  • Reitera o seu compromiso de que que o Camiño chegue á súa gran cita do ano 2021 nas mellores condicións posibles

Santiago, 26 de outubro de 2015.- Alberto Núñez Feijóo salientou hoxe que o Centro Internacional de Acollida aos Peregrinos revolucionará a acollida de peregrinos, ao adaptarse ás novas necesidades dos verdadeiros protagonistas do Camiño.

Segundo resaltou o presidente, coa inauguración deste novo Centro Internacional de Acollida, faise realidade un soño que semellaba inalcanzable hai apenas 25 anos e que hoxe “é posible grazas á colaboración de todos”, entre outros a da Fundación Catedral á cal o presidente da Xunta quixo agradecer o seu apoio espiritual e económico.

Esta obra, que leva consigo a recuperación do edificio do antigo Asilo da rúa de Carretas de Santiago de Compostela, contará coas seguintes instalacións: espazo de atención aos peregrinos en diversas linguas, Biblioteca de Estudos Xacobeos, zona e oficina de información turística sobre o Camiño de Santiago e Galicia, zona para as asociacións de amigos do Camiño, área de administración e información, centro interconfesional, salón de actos e capela. Así como cunha zona de servizos para os peregrinos e coa propia Oficina do Peregrino do Cabido da Catedral de Santiago.

Neste contexto, Feijóo salientou ademais, o esforzo que a Xunta leva realizado ata agora para concibir e levar a práctica o proxecto, co investimento por parte do Goberno galego dun millón e medio de euros. Unha achega que, tal e como subliñou, “é pouco se o comparamos co extraordinario retorno directo e indirecto que se produce”; de feito, por cada euro que pon a Administración, Galicia recibe máis de dez, engadiu.

Ademais, Feijóo quixo resaltar que o principal compromiso deste Goberno segue a ser que o Camiño chegue á súa gran cita do ano 2021 nas mellores condicións posibles e que os peregrinos que cheguen “estean mellor atendidos que nunca grazas a lugares como este”.

Récord de viaxeiros 
O titular da Xunta puxo de relevo as boas cifras acadadas en termos de recepción de peregrinos, coas que se están a bater, segundo sinalou, todos os récords. Neste 2015 chegaron a Compostela 250.000 peregrinos, “trátase dunha cifra histórica, que mesmo supera ás dos anos xacobeos”, sinalou.

Plan director do Camiño de Santiago
Xunto con isto, o mandatario galego lembrou que co obxectivo de sacarlle o maior partido posible aos recursos que temos, o Goberno galego aprobou recentemente o Plan director do Camiño de Santiago. Un documento que será a folla de ruta ata o próximo ano Xacobeo e no cal participaron ata 170 asociacións e 220 persoas.

Síguenos nas redes sociais