Utilizamos cookies para asegurar que damos a mellor experiencia a o usuario no noso sitio web. Si continúa utilizando este sitio asumiremos que está de acordo. Mais información Política de Cookies

O PPdeG presentará unha moción para incrementar o número de mesas en terrazas e para suprimir a taxa pola súa instalación en 2020

13 Mai 2020

13, maio, 2020. O PPdeG presentará unha moción nos concellos para modificar os espazos públicos dispoñibles que permitan incrementar o número de mesas en terrazas dos establecementos de hostalería e resolverá as solicitudes de permiso coa máxima celeridade posible.

 

Así mesmo, por motivo da pandemia do COVID-19, solicitarase a modificación da ordenanza fiscal reguladora das terrazas establecendo a exención excepcional do cumprimento da obriga tributaria polo aproveitamento e ocupación da vía pública aos establecementos hostaleiros durante este ano 2020.

 

APOIO AOS HOSTALEIROS

A declaración do estado de alarma non só impuxo restricións na mobilidade das persoas, senón tamén a suspensión ou a limitación dun número importante de actividades sociais e económicas ante o risco para a saúde pública que supón a propagación do COVID-19.

 

Os populares amosan así o seu apoio incondicional a un dos sectores máis castigados por esta pandemia como é o da hostalería, desempeñado por un amplo número de autónomos ou pequenas empresas que xeran moitos empregos nos nosos concellos; sen esquecer que a prioridade é garantir a saúde de todos os cidadáns.

 

Estes establecementos hostaleiros estanse vendo privados de gran parte da súa facturación anual polo peche obrigado durante a Semana Santa e estes meses de primavera. Ademais, a gran maioría deben afrontar gastos operativos fixos, como os financeiros, de alugueiro ou tributarios, que comprometen seriamente a súa viabilidade económica.

 

Cómpre lembrar que naquelas unidades territoriais, como Galicia, ás que nos sexa aplicable á fase 1 poderán abrir ao público as terrazas ao aire libre dos establecementos de hostalería e restauración limitándose ao 50% das mesas permitidas no ano 2019 en base a correspondente licencia municipal. Igualmente, este precepto habilita aos concellos a permitir o incremento do número de mesas que lle correspondería a ese establecemento aumentando a superficie destinada a terraza, e con elo facilitando que se respecten as necesarias distancias de seguridade entre as cadeiras das mesas.

 

ÁXILES E DILIXENTES

Os populares consideran que non só se debe ser áxil na resolución destes permisos, senón tamén dilixentes informando aos titulares destes establecementos desta posibilidade normativa e da dispoñibilidade da administración local para a súa implementación ampliando as terrazas a zonas peonís ou de aparcamento, así como pechando determinadas rúas ao tráfico para dispoñer dun maior espazo para pasear e ubicar mesas.

 

Por outra parte, o concello, no uso das facultades concedidas polas leis reguladoras das bases de réxime local e das facendas locais, aprobou a ordenanza fiscal que establece unha taxa pola instalación de terrazas. Ante a caída dos ingresos destes establecementos, as limitacións de aforo e distancia xustificadas por motivos sanitarios e a fonda repercusión no emprego que ten este sector, non houbo outro momento máis xustificado que este para establecer unha exención do pago da taxa pola instalación de terrazas.