Utilizamos cookies para asegurar que damos a mellor experiencia a o usuario no noso sitio web. Si continúa utilizando este sitio asumiremos que está de acordo. Mais información Política de Cookies

Puy, preocupado polos criterios do Goberno central para repartir o fondo de 16.000 millóns de euros e a xestión do ingreso mínimo vital

11 Mai 2020

Santiago, 11 de maio de 2020.- O portavoz do Grupo Popular, Pedro Puy, amosou hoxe a súa preocupación polos criterios que vai aplicar o Goberno central para o reparto do fondo de 16.000 millóns de euros entre as comunidades autónomas, así como a xestión que se está a facer do anunciado ingreso mínimo vital.

 

Puy trasladou, no nome de todo o Grupo Popular, o seu “máis cálido e sincero pésame” ás familias dos 593 falecidos con coronavirus en Galicia, ao tempo que trasladou ánimo aos máis de 2.600 doentes que a día de hoxe aínda padecen este virus, dos que máis de 2.400 fano nos seus propios domicilios

 

RESPONSABILIDADE

 

Así mesmo, lembrou que Galicia se atopa desde hoxe na fase 1 de desescalada da pandemia sanitaria, unha situación que “require moita responsabilidade social”. “É importante que poidamos iniciar a actividade social, económica e persoal e todos sexamos responsables no uso dos medios de prevención e a distancia social”, dixo.

 

O portavoz popular referiuse á nova reunión da Deputación Permanente que se celebrará o vindeiro mércores, logo do acordo adoptado por unanimidade de todos os grupos parlamentarios a través do que o Presidente da Xunta comparece cada 15 días no Parlamento galego e nas semanas alternas ten lugar unha comparecencia dun membro do Goberno galego e se realizan preguntas por parte dos grupos parlamentarios aos conselleiros.

 

COMPARECENCIA DO CONSELLEIRO DE CULTURA E TURISMO

 

Na Deputación Permanente desta semana terá lugar a comparecencia do conselleiro de Cultura e Turismo para dar conta do Plan de reactivación dos sectores culturais e turísticos fronte aos efectos derivados do COVID-19. Puy cualificou esta comparecencia como “importante e oportuna”, dado o momento que están a pasar os sectores da cultura e o turismo na Comunidade galega e ademais porque “Galicia tiña postas moitas esperanzas no desenvolvemento do Xacobeo 2021, que contribuiría a fortalecer o entramado cultural galego e a potenciar o crecemento económico”. “Desgraciadamente o COVID introduciu moita incerteza nesta celebración, pero ten que continuar a ser unha aposta clara do Goberno galego para o ano que vén, porque pode contribuír a superar a crise económica con maior vigor que outras comunidades autónomas”, sinalou.

 

Ademais da comparecencia do conselleiro de Cultura e Turismo (que se sumará ás xa feitas polos conselleiros de Presidencia, Facenda, Medio Ambiente, Política Social, Sanidade e Educación, ademais de dúas por parte do Presidente da Xunta), está previsto que os grupos parlamentarios formulen nove preguntas ao Goberno galego. En concreto, o Grupo Popular cuestionará sobre a coordinación no CECOP das actuacións da administración autonómica, do Mando Único estatal e das entidades locais galegas durante a emerxencia sanitaria provocada polo COVID-19; sobre a actuación do Goberno central en relación á situación das industrias electrointensivas; e sobre os fondos cos que contará a Xunta neste exercicio para xestionar o tramo autonómico das subvencións a entidades sociais con cargo ao 0,7% social do IRPF.

 

Pedro Puy informou, ademais, que na reunión do Grupo Popular se abordou a situación xeral en relación coa crise sanitaria. Neste punto, sinalou que “o Goberno central está a tomar decisións complexas que poden requirir posteriores concrecións, como o tema da saída das persoas por horarios ou a apertura dos mercados locais”.

 

“Pero o que máis nos preocupa é a incerteza sobre cuestións máis transcendentes como o reparto do anunciado fondo de 16.000 millóns de euros entre as comunidades autónomas”, manifestou. Neste sentido, explicou que “para os 10.000 millóns destinados ao gasto sanitario non se aplican os criterios normais de reparto establecidos no sistema de financiamento autonómico, que xiran en torno á poboación protexida e se ponderan factores como a dispersión ou o envellecemento”. “Pero é que tamén se rompe co criterio xeral de reparto dos 300 millóns que xa adiantou o Goberno para o gasto sanitario, que tiña en conta a poboación protexida nun 80 por cento”, apuntou.

 

Deste xeito, Puy indicou que “agora hai uns criterios que non son xustos desde o punto de vista material, xa que a poboación protexida só é valorada nun 28 por cento e quedan fóra gastos directamente sanitarios relacionados co COVID-19, como os gastos nas residencias sanitarias ou a teleasistencia que se realizaron en Galicia”.

 

RENDA PARA FAMILIAS E PERSOAS NECESITADAS

 

O portavoz popular tamén amosou a súa preocupación pola xestión que se está a facer do ingreso mínimo vital. En concreto, sinalou que, logo de dúas reunións distintas celebradas a semana pasada co Goberno central, “non se sabe se vai a ser complementario e vai a invadir as competencias autonómicas”.

 

“A renda ten que chegar ás familias e ás persoas que realmente o necesitan, e o lóxico é que houbese unha única forma de facelo achegando recursos desde todas as administracións e con xestión autonómica, porque as comunidades autónomas son as titulares das competencias sociais”, afirmou. Lembrou que “estamos a falar dun instrumento que vai permitir un importante cambio nos incentivos que teñen as persoas que están sen traballo e que debe permitir impulsar a súa incorporación á sociedade e ao mercado laboral”, afirmou.

 

Por último, Pedro Puy referiuse á polémica sobre a apertura da caza e a pesca deportiva. “Consideramos que se poden desenvolver sen problema en Galicia e esperamos que se rectifique no decreto de Estado de Alarma”, dixo.