Utilizamos cookies para asegurar que damos a mellor experiencia a o usuario no noso sitio web. Si continúa utilizando este sitio asumiremos que está de acordo. Mais información Política de Cookies

O PPdeG salienta que “a anticipación, responsabilidade, experiencia e liderado permiten ao Goberno galego ter un plus de confianza dos cidadáns”

29 Abr 2020

Santiago, 29 de abril de 2020.- O portavoz de Medio Ambiente do Grupo Popular, Gonzalo Trenor, salientou hoxe na Deputación Permanente do Parlamento galego que “a anticipación, responsabilidade, axilidade e tamén a experiencia e o liderado permitiron que os cidadáns teñamos un plus de confianza  no Goberno galego para afrontar esta crise do coronavirus e que Galicia vaia por diante unha vez máis”.

 

“Fomos por diante na toma de decisións e estamos a ir por diante para facer fronte aos danos motivados pola pandemia do Covid 19, e por suposto estamos indo por diante á hora de informar sobre as medidas adoptadas”, manifestou Trenor durante a comparecencia esta mañá da conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda na Deputación Permanente.

 

MEDIDAS ADOPTADAS

 

Neste sentido, o portavoz popular salientou medidas adoptadas por este departamento durante esta pandemia, como o aprazamento dos recibos de alugueiro das vivendas de promoción pública e dos locais comerciais do Instituto Galego de Vivenda e Solo (IGVS) e de Xestur, que beneficia a máis de 3.500 familias e inquilinos; a ampliación das axudas do bono de alugueiro social, asumindo desde a Xunta a cobertura do 100 por cento; ou o incremento das axudas do bono para vítimas de violencia de xénero, ao tempo que xa se está traballando na convocatoria para as axudas de aluguer dirixidas especificamente a vítimas de violencia de xénero co financiamento do Pacto de Estado.

 

Gonzalo Trenor criticou que nos grupos da oposición “algúns están máis dedicados aos bulos que a axudar” e incidiu que “en ningún momento a Xunta rexeitou o novo programa de axudas para pagar o alugueiro da vivenda habitual, porque o que fixo foi reclamar un orzamento desde o Goberno central acorde, axustado e suficiente para poder chegar aos colectivos que se fixan como potenciais beneficiarios”.

 

DEDICAR MÁIS RECURSOS

 

“Algo do máis lóxico, se hai unha nova situación de vulnerabilidade, é dedicar máis recursos e non confiscar os existentes que se estaban destinados á poboación que xa estaba nunha situación de vulnerabilidade con anterioridade a esta crise”, engadiu.

 

Respecto do tratamento de residuos, Trenor destacou que “grazas á capacidade de resposta que ten Sogama púidose dotar en tempo récord ao complexo de Cerceda dunha zona específica para o pretratamento antes da súa valorización enerxética, a temperaturas superiores a 850 graos, de cinco toneladas diarias de residuos sanitarios, principalmente mascarillas, guantes e equipos de protección individual”.