Utilizamos cookies para asegurar que damos a mellor experiencia a o usuario no noso sitio web. Si continúa utilizando este sitio asumiremos que está de acordo. Mais información Política de Cookies

Pedro Puy salienta que a Xunta “está dando exemplo de colaboración e lealdade institucional”

03 Abr 2020

Santiago, 3 de abril de 2020.- O portavoz do Grupo Popular, Pedro Puy, afirmou hoxe na Deputación Permanente que a Xunta de Galicia “está dando exemplo de colaboración e lealdade institucional” na loita contra o coronavirus, e lamentou a “incapacidade por parte dalgúns de entender que o Estado son todas as administracións: local, autonómica e nacional”.

 

Pedro Puy sinalou que “vivimos un momento de moita responsabilidade” e apuntou que “desde as institucións debemos dar a mellor resposta posible”. Neste sentido, salientou que a Xunta “é un modelo de gobernanza” na situación creada polo coronavirus, xa que se anticipou ao Goberno central coa constitución dunha Comisión Interdepartamental, nun primeiro momento, e a posta en marcha do Centro de Coordinación Operativo, “un organismo transversal e transparente no que se traballa dun xeito unido facilitando o proceso de adopción de decisións”.

 

MENSAXE DE ÁNIMO

 

Na súa intervención, trasladou unha “mensaxe de ánimo aos xestores públicos de Galicia, que están a traballar con todas as súas forzas para limitar os efectos desta pandemia”. “Hai moitas persoas que están traballando, cumprindo co seu deber para dar material ás persoas que loitan en primeira fila”, manifestou.

 

“Esta situación está a demostrar que hai que cooperar para superar esta ameaza conxunta para os países”, indicou Pedro Puy, quen felicitou á Xunta “polo labor que está a facer de subministrar aos concellos material para combater a crise sanitaria, ao tempo que abre vías de comunicación coas deputacións provinciais”.

 

“Galicia está a dar un exemplo de colaboración institucional continua, traballando con anticipación, respondendo ás necesidades e facéndoo con transparencia, coa confianza de que xuntos superaremos isto”, dixo.

 

NON DAR UNHA SOA VIDA POR PERDIDA

 

Respecto da situación das residencias de maiores, Pedro Puy asegurou que “Galicia é un país que coida aos seus maiores con agarimo na casa e hai moitas entidades sociais que tamén o fan”. “Todas elas están traballando co obxectivo de non dar unha soa vida por perdida e intentar chegar coa axuda a todos os internos para que a infección teña a menor extensión posible”, anotou.

 

Neste sentido, afirmou que “a Xunta asumiu a responsabilidade e actuou, sendo das primeiras comunidades en implantar medidas para reducir o contaxio entre os internos, actuando con anticipación e reaccionando ante os problemas”.

 

“Os que están traballando alí non son culpables”, asegurou, para animar aos traballadores “porque están facendo co seu traballo unha demostración de amor ao próximo”.