Utilizamos cookies para asegurar que damos a mellor experiencia a o usuario no noso sitio web. Si continúa utilizando este sitio asumiremos que está de acordo. Mais información Política de Cookies

Puy afirma que na crise do coronavirus “Galicia está en boas mans” e anima ao Goberno “a seguir anticipándose, respondendo aos problemas, con transparencia e altura de miras”

26 Mar 2020

Santiago, 26 de marzo de 2020.- O portavoz do Grupo Popular, Pedro Puy, afirmou hoxe na Deputación Permanente celebrada no Parlamento galego que “Galicia está en boas mans” e animou ao Goberno galego “a seguir anticipándose, respondendo aos problemas que xorden, con moita transparencia e altura de miras”. “É o momento para a unión, porque estamos seguros que coa unión dos galegos, cooperando cos demais españois, europeos e o conxunto da humanidade superaremos esta crise sociosanitaria, as súas consecuencias económicas e preservaremos o noso sistema democrático”, asegurou.

 

Pedro Puy comezou a súa intervención amosando a solidariedade coas familias dos falecidos como consecuencia do coronavirus, dos enfermos que están hospitalizados e das persoas que están recluídas na súa casa pendentes de evolución. “Tamén quero trasladar o noso agradecemento polo esforzo que están a realizar o persoal sanitario e dos servizos sociais; as persoas que traballan na cadea alimentaria; o persoal público que segue a traballar nos servizos esenciais; aos empresarios que seguen traballando e aos que están sufrindo por non poder sacar os seus empregos adiante durante esta crise; aos profesionais da información; e á poboación galega en xeral, que está a cumprir o confinamento con responsabilidade”, apuntou.

 

“Estamos nunha situación extraordinaria, unha pandemia que conleva un triplo reto: sociosanitario, para previr contaxios e atender aos contaxiados; económico, de mantemento da produción e a distribución dos bens básicos; e institucional, porque a crise sanitaria esixe que lle deamos a mellor resposta respectando o sistema democrático, a transparencia e as institucións de todos”, manifestou.

 

ANTICIPACIÓN E AXILIDADE

 

En primeiro lugar, Pedro Puy salientou que o Goberno galego actuou con anticipación. Neste sentido, lembrou que “o 24 de febreiro se deron os primeiros casos de coronavirus na España peninsular e só tres días despois a Xunta xa tiña creada a Comisión Interdepartamental para a xestión da crise, unha comisión clínica de expertos para o asesoramento do Sergas e un teléfono de atención á cidadanía”.

 

Así mesmo, dous días antes de que o 4 de marzo se coñecera o primeiro caso de persoa contaxiada en Galicia, esta Comisión Interdepartamental xa aprobara o reforzo con 60 profesionais de servizos como o de recollida de mostras a domicilio, laboratorios ou atención telefónica do 061; e tres días antes o conselleiro de Sanidade xa anunciou a compra de material por valor de dous millóns de euros.

 

Pedro Puy tamén salientou a axilidade coa que actuou o Goberno galego para poñer en marcha medidas tanto no eido sanitario como no eido social. En concreto, referiuse á aprobación de plans de riscos; o incremento do persoal sanitario; a ampliación nun 71 por cento das camas UCI; a coordinación co sector sanitario privado; a localización, selección e habilitación de determinados establecementos hoteleiros para  que podan medicalizarse; ou a posta en marcha de test desde o coche nos hospitais galegos.

 

Tamén subliñou as decisións adoptadas pola Xunta para blindar os albergues e comedores sociais; a suspensión do cobro do alugueiro en vivendas protexidas de titularidade autonómica; a creación dun teléfono social para o acompañamento; a garantía da atención a vítimas de violencia machista; ou a habilitación de dúas residencias integradas para as persoas internas en residencias que deran positivo.

 

E outras medidas, como a aprobación do protocolo de protección a empregados públicos e xeneralización do teletraballo; recursos educativos a través da tecnoloxía; reforzo dos servizos telefónicos de atención á cidadanía; pactando co sector as condicións do transporte público; e cun acordo áxil para a suspensión da campaña electoral e do proceso electoral previsto para o 5 de abril.

 

TRANSPARENCIA E ALTURA DE MIRAS

 

No ámbito da transparencia, o portavoz popular destacou “esta mesma comparecencia, que se fai a petición propia e que, ata o momento, só fixeron os presidentes de Castela e León e Baleares”. “O galego está a ser un dos gobernos máis transparentes e o Parlamento galego un dos que están a obter máis información e, por tanto, maiores posibilidades de control do seu goberno”, apuntou.

 

Por último, Pedro Puy demandou “altura de miras tanto por parte dos responsables e representantes públicos”. Así, subliñou que “a Xunta mantense leal co Goberno de España, que é a quen corresponde liderar esta situación, e incorporou ao Centro de Cooperación Operativo ao delegado do Goberno central e ao presidente da Fegamp”.