Utilizamos cookies para asegurar que damos a mellor experiencia a o usuario no noso sitio web. Si continúa utilizando este sitio asumiremos que está de acordo. Mais información Política de Cookies

Feijóo aposta por máis Europa fronte ás incertezas e pon Galicia como exemplo fronte aos separatismos e os populismos

03 Mar 2020

3, marzo, 2020. O líder do PPdeG, Alberto Núñez Feijóo, participou está mañá en Marín nun acto sectorial sobre Europa no que cualificou de “momento crucial” o que vive agora a Unión, con desafíos coma a auxe dos populismos, a consecución do Brexit ou os movementos independentistas que buscan separar en vez de unir.

 

Precisamente puxo a Galicia como exemplo de aposta por un goberno centrado e moderado, alonxado destes movementos de desunión.  Así, o presidente referiuse moi especialmente ás incertezas que ofrece o Brexit para o noso sector pesqueiro e para a nosa industria, así coma ao recorte que está sobre a mesa para os Fondos de Cohesión, incluídos tamén aqueles dedicados ao desenvolvemento rural.

 

Sobre o rural, o candidato popular anunciou o seu apoio ao Goberno para que esixa que non se produza esa baixada inasumible e que se manteñan os fondos que percibíamos.  “Estamos a falar de que Galicia podería perder arredor de 600 millóns de euros de fondos de cohesión”, advertiu, para incidir en que “non o podemos permitir e por iso, máis que nunca, precisamos dun Goberno estable en Galicia”, que defenda os nosos intereses en Europa e que sexa capaz de suavizar ese recorte de fondos.

 

Sobre este punto, lembrou que como sucede noutros ámbitos, o traballo feito nos avala. “Porque hai oito anos nos atopabamos nun escenario similar, e con moito esforzo logramos reverter o recorte previsto e acadar para Galicia unha aterraxe suave nestes fondos”, e reivindicou a labor do executivo Rajoy naquela negociación.

 

Deste modo, aseverou que Galicia non pode conformarse cuns Orzamentos que “supoñerían asinar a acta de defunción dos nosos sectores gandeiro, pesqueiro e forestal”, nos que a nosa Comunidade é referencia internacional. “Estamos a falar dun proxecto que nos condicionaría para os vindeiros sete anos”. “Sen Europa, Galicia tería moi complicado chegar a fin de mes”, resumiu.

 

“NO MULTIPARTITO HAI INIMIGOS DE EUROPA”

No mesmo sentido, o máximo mandatario popular lembrou que somos parte do proceso de construción europeo dende as súas orixes máis remotas e apuntou que o Camiño de Santiago foi un nexo de unión fundamental na constitución da Europa moderna.

 

Por este motivo, e en declaracións aos medios de comunicación, incidiu en que “estamos a favor de Europa”, e lamentou que haxa partidos que se presentan ás autonómicas como parte do multipartito que estean en contra do proxecto da Unión, que avoguen polo independentismo e o populismo. “Para nós, Europa significa a modernización de Galicia” e concluíu que “mentres Europa siga forte, Galicia e España tamén o serán”.