Utilizamos cookies para asegurar que damos a mellor experiencia a o usuario no noso sitio web. Si continúa utilizando este sitio asumiremos que está de acordo. Mais información Política de Cookies

Feijóo di que o seu compromiso con Galicia está máis vixente ca nunca e só será presidente se os galegos o queren nas urnas

01 Mar 2020

1, marzo, 2020. O líder do PPdeG, Alberto Núñez Feijóo, asegurou que o seu compromiso con Galicia está máis vixente ca nunca e só será presidente se a gran maioría de galegos así o quere nas urnas. Deste modo se expresaba no acto de aniversario da súa primeira vitoria electoral en 2009, onde tamén estivo acompañado por Pablo Casado e por Mariano Rajoy.

 

“Ratifico en 2020 o compromiso que adquirín con Galicia en 2009”, insistiu precisando que para el segue vixente que o emprego ten que ser a prioridade, que os galegos paguen cada vez menos impostos, que teñamos unha Sanidade pública con todas as garantías, que os dependentes reciban a atención que merecen e que lles corresponde, que as familias poidan ter máis opcións de conciliación, que a mocidade teña un papel protagonista ou o que o non quede á marxe do desenvolvemento. Da mesma maneira, mantivo que segue apostando polo respecto ao medio ambiente e un territorio máis ordenado, pola innovación, por unha administración que facilite a vida dos cidadáns, pola defensa da nosa cultura, da nosa riqueza lingüística e da nosa liberdade e porque a política en Galicia vaia por diante.

 

CUMPRIR COA PALABRA DADA

Feijóo confesou que ao longo destes anos rexeitou outros retos profesionais porque quería ser presidente da nosa Comunidade, poñendo en valor que, cando dá a súa palabra, cumpre. “Quero ser o presidente dunha Galicia unida”, recoñeceu apuntando que desexa volver gobernar para que non caiamos na división de bloques, para demostrar que se pode querer moito á terra dun sen necesidade de agraviar aos demais e porque cre na Constitución.

 

O líder do PPdeG tamén indicou que é un candidato e un presidente libre para deberse só a todos os galegos, sen excepción, e que se presenta para facer unicamente o que estes lle digan. Por iso, afirmou que en campaña electoral pediralles o voto para cumprir os seus compromisos con eles.  “O que non farei será pedir permiso a ningún partido para selo e que mo concedan a cambio de sacrificar os meus principios e os meus compromisos”, puntualizou salientando que iso lle valerá a Sánchez ou aos partidos do multipartito pero non a el.

“Para este partido, Galicia é máis grande e máis importante que as súas propias siglas”, dixo recoñecendo que iso é o que fai grande á súa formación e non o tamaño dun logotipo. Así, mentres para os populares a Comunidade está por diante, para o actual PSOE a nosa Autonomía é secundaria e non lle importa só deberse ao nacionalismo, ao independentismo e ao populismo -que só se deben a si mesmos- ata perder toda dignidade e macular a dos españois.

 

CON ESTABILIDADE HAI RESULTADOS

Como lembrou Feijóo, malia que a Comunidade viviu momentos moi difíciles, seguiu sempre en pé, pasando a ser unha Autonomía que crece, que é a que menos se endebeda, que aproba as súas contas e que crea emprego. “Galicia leva 11 anos sendo parte da solución en España”, insistiu mentres poñía en valor que “o 1 de marzo de 2009 gañamos as eleccións pero a auténtica vitoria foi e é cada galego que ao longo destes anos recuperou a esperanza e a confianza”.

 

Neste sentido manifestou que, con estabilidade, os resultados sempre acaban chegando e expuxo que hoxe temos a mellor educación pública de España, as familias teñen máis apoio que nunca, contamos con máis medios e atención aos maiores e dependentes, e os que viven no rural teñen máis servizos.

 

FÁLASE FACENDO

Ademais, a boa xestión que se levou a cabo en Galicia permitiu que na actualidade os galegos paguen menos impostos que en 2009 -Programa de impostos cero no rural, menos IRPF e nada no imposto de sucesións e doazóns de pais a fillos-.

 

Igualmente, o presidente subliñou que se dedica máis diñeiro ás políticas sociais que nunca, concretando que os 4.109,6 millóns de euros do presuposto de 2020 é a maior cantidade que se destinou nunca en Galicia á Sanidade Pública, engadindo que tamén seguirán investindo e mellorando todos os comarcais e resaltando tamén que nunca antes houbo máis investimento, máis prestacións, máis persoal, máis tecnoloxía e menores listas de espera.

 

Segundo admitiu na súa intervención, os populares en lugar de falar, prefiren facer e, nese senso, recordou que a Xunta presidida por el é a primeira en ter unha estratexia para o cambio climático e en ordenar o territorio, a que asegurou o futuro do sector da automoción e a que conseguiu que os estaleiros pasasen de estar baleiros a ser os segundos que máis traballan. De igual xeito, mencionou que agora producimos máis leite que en 15 anos e estamos nos primeiros postos do mercado en Europa, e que foi a súa Administración coa que se innovou e nos abrimos a novos sectores como a aeronáutica ou a biotecnoloxía.

 

MIRAR CARA O QUE AÍNDA HAI QUE ACADAR

Logo de facer balance destes anos, o líder dos populares galegos aseverou que hai que mirar cara adiante xa que cara atrás só mira para dicir con total seguridade que ten máis experiencia, está máis preparado e ten máis forzas que aquel 1 de marzo de 2009. “E eu non estou aquí polo acadado senón por todo o que aínda temos que acadar”, aclarou facendo fincapé en que dende hai 11 anos non fixo outra cousa que cumprir co seu deber, que é Galicia.