Utilizamos cookies para asegurar que damos a mellor experiencia a o usuario no noso sitio web. Si continúa utilizando este sitio asumiremos que está de acordo. Mais información Política de Cookies

Ánxeles Vázquez, Elena Candia, Marisol Díaz e Corina Porro liderarán as candidaturas do PPdeG ás eleccións autonómicas

29 Feb 2020

Santiago de Compostela, 29 de febreiro-. O presidente do PPdeG, Alberto Núñez Feijóo, deu a coñecer hoxe os nomes das persoas que liderarán as listas de cara ás eleccións autonómicas do 5 de abril. Catro mulleres (Ánxeles Vázquez por A Coruña, Elena Candia por Lugo, Marisol Díaz por Ourense, e Corina Porro como número dous na lista de Pontevedra que encabeza o propio candidato) serán as primeiras caras visibles das candidaturas dos populares galegos.

 

A designación destas catro persoas representa unha renovación do 75% respecto a hai catro anos.

 

Feijóo dixo que todas elas son persoas con experiencia tanto política como de xestión, e co recoñecemento dos seus compañeiros, dos seus veciños e do propio candidato á Presidencia da Xunta. Ademais, destacou que todas elas teñen vocación de ser, máis que representantes dun partido, representantes dunha gran maioría de galegos que prefire unidade, moderación, entendemento e estabilidade.

 

De Ánxeles Vázquez lembrou a súa traxectoria municipal como alcaldesa de Melide, cargo que deixou para servir a todos os galegos dende a Xunta de Galicia. Ademais, aseverou que a aposta pola conselleira de Medio Ambiente para asumir esta responsabilidade exemplifica o compromiso do PPdeG cunha Galicia máis verde.

 

De Elena Candia dixo que seguirá servindo aos veciños do rural en xeral e de Mondoñedo en particular dende o Parlamento de Galicia. E mostrouse seguro de que poderá facelo co meso nivel de acerto que lle fixo merecedora de tanta confianza no seu Concello.

 

De Marisol Díaz destacou que liderou a lista de Ourense hai catro anos e que tivo un amplísimo respaldo electoral. Ademais valorou a súa capacidade de resolución e o seu contacto permanente cos veciños.

 

De Corina Porro destacou o seu servizo a todos os pontevedreses pero, sobre todo, a súa paixón por Vigo. “É a nosa representante do ámbito urbano nesta presentación e con ela queremos demostrar que facendo máis cidade pódese facer tamén máis Galicia”, dixo.

 

“Todos os que formamos parte desta candidatura somos servidores de Galicia por riba de calquera outra cousa”, engadiu. Ademais, Feijóo avanzou que o luns daranse a coñecer ao resto de integrantes do proxecto electoral do PPdeG.