Utilizamos cookies para asegurar que damos la mejor experiencia al usuario en nuestro sitio web. Si continúa utilizando este sitio asumiremos que está de acuerdo. Más información Política de Cookies

Puy cualifica a reunión do CPFF como “decepcionante”, porque “quen gastou os cartos de Galicia pretende que sexa paliativo un préstamo a tipo cero”

10 Feb 2020

Santiago, 10 de febreiro de 2020.- O portavoz do Grupo Popular, Pedro Puy, cualificou hoxe de “decepcionante” a reunión do Consello de Política Fiscal e Financeira porque “quen gastou os cartos que lle corresponden por lei a Galicia, en vez de transferilos, pretende que sexa paliativo conceder un préstamo a tipo cero, cando ademais os tipos de xuro están negativos”.

De cara ao Pleno da vindeira semana, Puy avanzou o debate de totalidade dos proxectos de lei de residuos e solos contaminados, e de museos e outros centros museísticos.

 

Pedro Puy fixo unha “valoración negativa da resposta dada polo Goberno central no Consello de Política Fiscal e Financeira ás comunidades autónomas na súa demanda para o pago da débeda da mensualidade do IVE de 2017 e dos incentivos ás comunidades cumpridoras financeiramente, como é o caso de Galicia.

 

APOIO ÁS DECISIÓNS DA XUNTA

 

Neste sentido, lembrou que esta reunión do Consello de Política Fiscal e Financeira “foi convocado despois de ano e medio sen reunirse” e sinalou que “sorprende moito que, despois de anunciarse coidados paliativos para as comunidades, a resposta do Goberno central fora tan decepcionante”, ao propoñer un préstamo a tipo cero a cambio de non pagar a débeda coas autonomías.

 

Esta resposta do Goberno de Pedro Sánchez supón “desilusión e decepción”, polo que Pedro Puy afirmou que “apoiaremos as decisións que adopte o Goberno galego, e outras comunidades autónomas, para recuperar ese diñeiro vía xudicial”.

 

Respecto da reunión celebrada esta mañá polos deputados do Grupo Popular para preparar os asuntos que se incluirán na sesión plenaria da vindeira semana, Puy avanzou a previsión de que se proceda ao debate de totalidade dos proxectos de lei de residuos e solos contaminados, e de museos e outros centros museísticos

 

Respecto do proxecto de lei de residuos e solos contaminados, o portavoz popular salientou que situará a Galicia á cabeza das comunidades en integrar na súa normativa o contido da directiva en materia de plásticos, ao fixar mecanismos para loitar contra o plástico dun só uso e contra o desperdicio alimentario.

 

RECICLAXE

 

“O obxectivo é que en 2025 se recicle o 65 por cento do peso de todos os envases e o 70 por cento en 2030”, concretou. Así mesmo, sinalou que outra das medidas salientables desta nova lei é que se obrigará aos servizos de restauración a entregar as fraccións sobrantes de comida non consumida aos clientes en recipientes que non sexan dun só uso, ademais de prohibir a entrega gratuíta de bolsas de plástico e a venda de vaixelas de plástico dun só uso.

 

Pedro Puy apuntou que a Xunta “xa anunciou unha dotación de 25 millóns de euros para a construción de 3 novas plantas públicas para biorresiduos domésticos, ao tempo que os concellos deberán instaurar a recollida separada dos biorresiduos municipais a finais de 2023, e en 2024 a recollida de residuos téxtiles e residuos perigosos de orixe doméstica”.

 

No caso do proxecto de lei de museos, o portavoz popular explicou que “se trata de regular o réxime xurídico dos 93 centros de natureza museística existentes en Galicia, entre museos, coleccións museográficas e centros de interpretación do patrimonio cultural; así como a posta en marcha do sistema galego de centros museísticos”.

 

“Esta lei culmina a articulación normativa das institucións culturais de referencia, logo de que na última década se aprobou a Lei de bibliotecas, a Lei de arquivos e documentos e, noutra orde, pero tamén vencellado aos arquivos, bibliotecas e museos, aprobouse a Lei do patrimonio cultural”, engadiu.

 

Por último, Puy engadiu que esta nova lei “suporá un antes e un despois na xestión dos museos de Galicia, xa que servirá para mellorar e harmonizar a organización dos diferentes centros e potenciar o seu papel como activos de referencia no plano social, científico, educativo e económico”.

 

TRANSPARENCIA SOBRE O AVE

 

Cuestionado sobre as declaracións da presidenta do Adif respecto da chegada do AVE a Galicia, Pedro Puy demandou “transparencia, porque estamos vendo que as datas van variando, e algunhas non se explicitan”. “Se de verdade non ten inconveniente en compartir a información, o máis razoable e respectuoso é que se puxera en funcionamento esa comisión de seguimento para que tanto a Xunta como o Goberno central saiban a que aterse”, indicou.

Síguenos nas redes sociais