Utilizamos cookies para asegurar que damos la mejor experiencia al usuario en nuestro sitio web. Si continúa utilizando este sitio asumiremos que está de acuerdo. Más información Política de Cookies

O Grupo Popular solicita, a través dunha proposición de lei para a súa remisión ao Congreso, que se aplique o IVE reducido aos cueiros dos nenos

15 Ene 2020

Santiago, 15 de xaneiro de 2020.- O Grupo Popular vén de rexistrar no Parlamento de Galicia unha proposición de lei, para a súa remisión ao Congreso dos Deputados, co obxectivo de modificar a Lei37/1992 do imposto sobre o valor engadido para incluír os cueiros dos nenos e nenas entre os produtos aos que se aplica o tipo reducido do 4 por cento.

 

Segundo se recolle na exposición de motivos desta proposición de lei, a rebaixa do imposto sobre o valor engadido nos produtos de hixiene infantil é unha longa demanda de asociacións de familias numerosas e outros colectivos, que defenden a consideración destes produtos como un ben de primeira necesidade, pola grande incidencia económica que teñen sobre as familias nos primeiros anos de vida dos bebés.

 

AVANCE NO RETO DEMOGRÁFICO

 

A modificación do tipo do imposto para estes produtos configúrase, por tanto, non só como unha medida de xustiza fiscal e social senón tamén como un avance máis no obxectivo adoptado polo Estado de abordar o reto demográfico cunha resposta integral, na que deben ter un papel destacado as medidas de apoio á natalidade e de consecución dunhas maiores facilidades no desenvolvemento do proxecto familiar.

Neste sentido, lémbrase que a preocupación polo reto demográfico é hoxe un dos principais temas da axenda política dos países desenvolvidos. Deste xeito, a Conferencia de Presidentes do 17 de xaneiro de 2017 acordou expresamente impulsar as medidas específicas para facer fronte aos desafíos demográficos, encomendando ao Goberno do Estado, coa colaboración das distintas administracións públicas, a elaboración dunha estratexia nacional fronte ao reto demográfico de natureza global e transversal que deseñase unha resposta conxunta e de futuro para paliar esta problemática.

Tres anos despois deste acordo, a devandita estratexia nacional aínda está pendente de aprobación por parte do Goberno central, polo que desde o Grupo Popular considérase necesario ir avanzando canto antes en medidas que incidan de xeito positivo no problema demográfico, fomentando a natalidade e removendo os obstáculos das familias que deciden ter fillos.

 

CUMPRIMENTO DOS COMPROMISOS

 

Cómpre recordar que o Partido Popular de Galicia asumiu no seu programa electoral para as eleccións autonómicas de 2016 tres compromisos en relación coas solicitudes de modificacións do IVE: “Apoiaremos e solicitaremos ao Goberno de España, como fixemos na pasada lexislatura, para que rebaixe o IVE dos produtos sen glute, dos produtos de hixiene feminina e os cueiros dos nenos e nenas recén nados”.
 
En maio de 2018, froito dun acordo entre o Grupo Popular e o do BNG, a Comisión 5ª aprobou por unanimidade o seguinte acordo: “O Parlamento de Galicia insta a Xunta de Galicia a dirixirse ao Goberno de España para que implante, coa maior brevidade posible, medidas de vantaxe fiscal para as persoas con enfermidade celíaca e erros innatos do metabolismo, ben sexa a rebaixa do IVE actual a todos os alimentos e produtos dietéticos destinados a elas ou ben sexa calquera das alternativas expostas no estudo sobre La situación de las personas con enfermedad celíaca en España, elaborado pola institución do Defensor do Pobo”.

Por outra banda, nestes momentos atópase en tramitación no Parlamento de Galicia unha proposición de Lei relativa á rabaixa do IVE dos produtos de hixiene feminina.

En consecuencia, co rexistro desta nova proposición de lei de rebaixa do IVE para os cueiros, o Grupo Popular completa o cumprimento dos seus compromisos electorais nesta materia.

Síguenos nas redes sociais