Utilizamos cookies para asegurar que damos la mejor experiencia al usuario en nuestro sitio web. Si continúa utilizando este sitio asumiremos que está de acuerdo. Más información Política de Cookies

Tellado cre que o 2020 xa mellora ao ano anterior por traer menos impostos, máis oportunidades e máis dereitos sociais

03 Ene 2020

3, xaneiro, 2020. “A Galicia de 2020 só ten tres días de vida, pero xa mellora en varios parámetros a de 2019, porque debuta con máis dereitos sociais, máis emprego e menos impostos”, salientou o secretario xeral do PPdeG, Miguel Tellado.

E é que, tal e como detallou, desde o un de xaneiro os galegos pagan menos por herdar dos seus familiares, debido a que a Xunta rebaixou o Imposto de Sucesións; ao igual que por mercar unha vivenda, grazas á rebaixa do Imposto de Transmisión Patrimoniais -que beneficia ao 94% da poboación galega-, e por herdar unha empresa familiar. Así mesmo, xa se puxo en marcha a gratuidade do transporte público metropolitano para os menores de 21 anos. E será este mesmo ano cando entre en vigor a gardería gratis a partir do segundo fillo.

 

Tellado aproveitou para poñer en valor a ampliación da Tarxeta Benvida, os prezos das peaxes das autoestradas galegas -que continúan entre as máis baratas de España- e a oferta pública de emprego, a maior da historia recente na Comunidade. O número dous dos populares galegos referiuse, tamén, ás case 4.000 persoas que no 2019 abandonaron as listas do paro e amosouse convencido de que a taxa de desemprego baixe ata o entorno do 10% neste 2020, un obxectivo que a Xunta marcou para esta lexislatura. Así mesmo, confía en que Galicia volva bater récords en número de peregrinos –no 2019 foron 350.000 os que chegaron á nosa Comunidade, 80.000 máis que no último Ano Santo- e de visitantes.

 

“Vimos de estrear un ano no que os galegos teremos máis dereitos sociais, máis oportunidades laborais grazas ao emprego público e pagaremos menos impostos”, salientou Tellado, quen puxo en valor a Galicia “á que cada vez se achegan máis persoas, ten menos desemprego que hai un ano e xera máis riqueza que a media do conxunto do Estado”.

 

“O mérito -engadiu- é dos galegos que no 2016 decidiron apostar amplamente polo PPdeG como garante da gobernabilidade da nosa Comunidade”. Neste punto, Tellado fixo fincapé na estabilidade que ofrece o Goberno de Feijóo e as melloras que se poden aplicar desde xa, grazas a que, un ano máis, os orzamentos se aproban en tempo e forma. Unha situación que contrapuxo co Goberno de España, que complica a vida aos galegos con decisións que poñen en perigo o futuro da planta de Alcoa, que provocan o peche da central térmica das Pontes, que atrasan a chegada do AVE a Galicia ou que lle negan os cartos que lle adebedan á nosa Comunidade.

 

O PPdeG, O FREO DO NACIONALISMO INTRANSIXENTE

Por outra banda, o número dous dos populares galegos preguntou ao PSdeG se tamén vai apoiar un referendo de autodeterminación co BNG como fai o PSOE con ERC: “Se o PSOE é capaz de pactar con ERC unha consulta en Cataluña con tal de manter a presidencia do Goberno, que non será capaz de entregar o PSdeG ao BNG con tal de lograr a Presidencia da Xunta de Galicia?”.

 

Unha vez máis, Tellado garantiu que o Goberno de Feijóo será leal co Estado, pero inflexible co Goberno na defensa dos intereses dos galegos; e que o PPdeG será responsable como partido maioritario en Galicia, pero “máis intenso que nunca na loita contra o nacionalismo intransixente”. “Porque en Galicia só hai dous gobernos posibles -continuou-: un é o goberno maioritario e moderado do Partido Popular e ou outro que estaría vicepresidido por ese nacionalismo que hoxe ameaza a unidade do noso país”.

 

Neste senso, subliñou a eficacia do PPdeG á hora de frear ao nacionalismo, un feito demostrable, remarcou Tellado, polo que asegurou que é “a única alternativa” para que o poder que teñen hoxe os nacionalistas vascos e cataláns no Goberno de España non o teñan os nacionalistas galegos na Xunta: “Imos frear aos que anhelan unha Galicia de CDR e de lazos amarelos”. Para Tellado, o BNG de Ana Pontón é tan perigoso para Galicia como ERC para a unidade de España. Por iso, garantiu que o PPdeG estará máis vixilante que nunca, “porque nin calamos agora que o futuro de España está en xogo nin calaremos se o que se discute é o de Galicia”.

 

A GRAN AMEAZA DE GALICIA

Así mesmo, amosou a súa preocupación pola “gran ameaza” de Galicia neste 2020: o auxe do nacionalismo na España de 2020. Ás portas de iniciarse o debate de investidura, lamentou que Pedro Sánchez vaia continuar na Moncloa, que o Partido Comunista chegue por primeira vez en Democracia ao Consello de Ministros, que Pablo Iglesias se converta na quinta autoridade máis importante de España e que o novo Goberno vaia estar en débeda “con partidos que anhelan un Estado máis débil para privilexiar un independentismo máis forte”. Tal e como advertiu Tellado, o máis grave é que “a partir do 7 de xaneiro imos poñer un Falcon ao servizo do líder de Podemos para que sexa a cara do Goberno de España máis alá das nosas fronteiras”.

 

“Un país moderado non poder querer ao Partido Comunista no exilio. Pero un país moderado non pode querer ao Partido Comunista no Consello de Ministros”, indicou, para continuar incidindo en que nunca ERC foi tan poderosa, nin o PNV tivo enfronte a un Goberno máis débil, nin Bildu pensou que pasaría de pedir a autodeterminación dunha parte de España a mandar sobre ela e nin tampouco o BNG soñou con ter alfombra vermella de forma tan clara no Palacio da Moncloa.

Síguenos nas redes sociais