Utilizamos cookies para asegurar que damos la mejor experiencia al usuario en nuestro sitio web. Si continúa utilizando este sitio asumiremos que está de acuerdo. Más información Política de Cookies

O PPdeG asegura que xamais estará nun goberno que fomente o racismo, a xenofobia e a aporofobia

03 Dic 2019

Santiago, 3 de decembro de 2019.- A viceportavoz do Grupo Popular, Marta Rodríguez Arias, afirmou hoxe que “o PP de Galicia xamais vai estar nun goberno que fomente o racismo, a xenofobia e a aporofobia, nin que estigmatice e criminalice aos menores estranxeiros non acompañados, do mesmo xeito que tampouco estará nun goberno con aqueles que pensan que os españois somos bestas carroñeiras, víboras e hienas cunha grave tara do ADN, ou con aqueles que foron condenados por terrorismo”.

 

No debate no Pleno dunha moción socialista sobre a pobreza e a exclusión social, Marta Rodríguez amosou a disposición do Grupo Popular de votar favorablemente o punto que insta á Xunta a rexeitar de maneira clara os pactos con forzas políticas que fomenten o racismo, a xenofobia e a aporofobia, e que contribúan a estigmatización e criminalización dos menores estranxeiros non acompañados. “Lamentablemente, e a pesar de que a deputada do Grupo Socialista aceptou nun primeiro momento a votación deste punto da súa moción por separado, posteriormente se negou a esta votación por puntos, o que privou de aprobar definitivamente esta cuestión”, sinalou.

 

Na súa intervención, a viceportavoz popular salientou que a Xunta destina cada ano máis de 120 millóns de euros para loitar contra a pobreza e a exclusión social, catro veces máis que hai 10 anos. “Somos a única comunidade autónoma que conta cunha axenda social única, asinada polo Goberno galego, a Fegamp e a Rede Galega de loita contra a pobreza e a exclusión social”, sinalou.

 

DESCENSO DOS PERCEPTORES DA RISGA

 

Rodríguez Arias referiuse tamén á Risga, que este ano acada o maior investimento da historia: 65 millóns de euros. “Porén, desde 2017 apréciase unha diminución do 11 por cento do número de solicitudes desta renta de inserción social e por primeira vez desde 2015 o número de perceptores sitúase por baixo das 10.000 persoas”, indicou.

 

Por último, a viceportavoz popular subliñou que “Galicia é a primeira comunidade autónoma que introduce, sen ningún tipo de cofinanciamento do Goberno central, a gratuidade ao 100 por cento das familias con dous ou máis fillos nas escolas infantís galegas”.  Neste sentido, demandou que os socialistas “cumpran o seu compromiso e cofinancien este servizo para que a gratuidade total chegue a todas as prazas de escolas infantís para todas as familias galegas”.

Síguenos nas redes sociais