Utilizamos cookies para asegurar que damos la mejor experiencia al usuario en nuestro sitio web. Si continúa utilizando este sitio asumiremos que está de acuerdo. Más información Política de Cookies

Tellado: “O Goberno central só ingresou menos dunha quinta parte do que lle debe a Galicia e non ten intención de ingresar nin a metade”

29 Nov 2019

29, novembro, 2019. O secretario xeral do PPdeG, Miguel Tellado, asegurou que o Goberno central só ingresou menos dunha quinta parte do que lle debe a Galicia e non ten intención de ingresar nin a metade.

 

Deste xeito se refería á débeda de 700 millóns que desde hai meses o Executivo socialista mantén con Comunidade, e da que só se ingresaron 167 millóns de euros. “A Xunta onte demostrou que hai vías legais e posibles para acometer este ingreso antes de final de ano. O único que se necesita é unha vontade política que Sánchez non ten para isto pero si para seguir levando ao Congreso de Ministros de cada venres Decretos Leis, que segue convalidando na Deputación Permanente do Congreso dos Deputados”, explicou.

 

Segundo incidiu, unha vez máis, a Xunta fixo un traballo “que nin sabe nin quere facer” o Executivo central, ao que non lle interesa resolver os problemas da Comunidade: “Ao Goberno Sánchez non lle interesa Galicia porque a Sánchez só lle interesa Sánchez e porque aos líderes dos socialistas galegos só lles interesa defendelo”.

 

A PEOR POLÍTICA QUE SE PODE FACER

Tellado tamén fixo referencia ao arquivo da causa contra os dous altos cargos do Sergas investigados polo caso da Hepatite C, aos que agradeceu a súa responsabilidade, profesionalidade e fortaleza “ao aguantar acusacións moi inxustas, porque foron vítimas da peor política que se pode facer”.

 

Tras quedar demostrado que a Xunta actuou “como sempre fai coa maior dilixencia, co maior profesionalidade e atendendo a criterios médicos e técnicos para tomar as súas decisións”, o número dous do PPdeG lamentou que a oposición en Galicia use a Sanidade mentindo, manipulando e xogando coa dor que estes temas provocan, tanto nas familias como nos profesionais.

 

Como lembrou, o PSdeG dixo que Feijóo era o “máximo responsable” dos falecementos dos enfermos de hepatite C, o BNG afirmou que “o PP deixou morrer a pacientes por criterios económicos” e as Mareas de Podemos admitían que a Xunta “decidiu deixar morrer a uns pacientes cando na farmacia había medicamentos para salvalos”. “Esas frases, ditas naquel momento, eran miserables. Hoxe, co auto de arquivo na man, son insoportables”, remarcou.

 

“Se queda algo de humanidade, de responsabilidade e de decencia na oposición, cremos que Gonzalo Caballero, Ana Pontón e Manuel Lago deberían ofrecer unha desculpa á Xunta, ao PP e aos altos cargos que pasaron un calvario persoal durante anos”, subliñou.

 

A POLÍTICA IRRESPONSABLE DO GOBERNO SÁNCHEZ

Por outra banda, Tellado falou sobre a central térmica das Pontes e o seu anuncio de peche no ano 2022. “Chegouse a esta situación por unha política irresponsable do Goberno Sánchez”, manifestou culpabilizándoo de presionar para adiantar o peche, sen importarlle se as empresas cumprían as normativas ou non; de expulsar do mercado ás térmicas de carbón pola vía fiscal e de non ter un plan alternativo para as comarcas dependentes destas industrias.

 

Por iso, salientou que os afectados merecen transparencia e coñecer cales son os plans da empresa, “porque seguimos defendendo que a mellor solución é a reactivación da planta para gañar tempo”; e do Goberno central, “que segue sen garantir unha transición xusta para a comarca”. Nese senso, engadiu que o que propuxeron os socialistas nunca foi transición, xa que sempre apostou pola ruptura e o peche inmediato da central; e nunca foi xusto, pois cargou o peso dunha decisión política sobre as costas dos traballadores e dos veciños.

Síguenos nas redes sociais