Utilizamos cookies para asegurar que damos la mejor experiencia al usuario en nuestro sitio web. Si continúa utilizando este sitio asumiremos que está de acuerdo. Más información Política de Cookies

O Parlamento galego demanda ao Goberno central un incremento das posibilidades de pesca do bonito

22 Nov 2019

Santiago, 22 de novembro de 2019.- O Parlamento de Galicia aprobou hoxe por unanimidade unha proposición non de lei do Grupo Popular a través da que se demanda ao Goberno central que, tendo presente os datos nos que aprecia que o bonito se atopa en boa situación biolóxica, reivindique un incremento das posibilidades de pesca para esta especie e estude unha mellor xestión e reparto de cota que permita alongar a campaña de bonito, canto menos, ata o mes de setembro.

 

A portavoz popular do Mar, Teresa Egerique, salientou “a oportunidade” desta proposición non de lei xa que a Comisión Internacional para a conservación do atún atlántico (ICCAT) está a celebrar unha reunión do 18 ao 25 de novembro en Palma de Maiorca na que aborda a pesca do bonito, onde España necesita confirmar o bo estado deste recurso pesqueiro para que se incrementen as posibilidades de pesca para o vindeiro ano”.

 

TRASLADAR O BO ESTADO DESTA ESPECIE

 

“Para acadar este obxectivo, é importante que o Goberno de España lle transmita o bo estado deste recurso e sexa capaz de que os representantes europeos ante o ICCAT fagan a forza precisa para ampliar a cota”, manifestou Teresa Egerique.

 

Na súa intervención, a portavoz popular sinalou que a conselleira do Mar “xa trasladou ao Consello Consultivo de Política Pesqueira para Asuntos Comunitarios o bo estado do stock de bonito do norte e o conseguinte incremento de posibilidades de pesca desta especie”. “A necesidade de incrementar as posibilidades de pesca do bonito do norte para o vindeiro 2020 converteuse nun dos aspectos expostos pola Comunidade galega nesta xuntanza, na que exerce a representación das comunidades españolas en materia pesqueira ante a Unión Europea”, apuntou.

 

Esta solicitude do incremento do total admisible de capturas (TAC) atende á constatación, tanto por parte dos observadores como do propio sector pesqueiro, dunha grande abundancia de bonito onde faena a frota galega, en concreto no Golfo de Biscaia, a área de Ortegal e augas de Irlanda.

 

PECHE DA PESQUERÍA

 

Teresa Egerique lembrou que o Ministerio de Agricultura e Pesca comunicou o pasado 27 de agosto unha resolución na que se decretaba o peche da pesquería do atún branco do norte, “unha pesquería que tradicionalmente estendía a súa duración ata ben entrado o mes de outubro, en particular na Mariña de Lugo”.

 

Este peche prematuro sumábase aos realizados nos dous últimos anos que non deixou chegar a campaña nin ata o mes de setembro, danando especialmente aos barcos de pesca costeira artesanal galegos.

 

Síguenos nas redes sociais