Utilizamos cookies para asegurar que damos la mejor experiencia al usuario en nuestro sitio web. Si continúa utilizando este sitio asumiremos que está de acuerdo. Más información Política de Cookies

O Grupo Popular salienta que o proxecto de lei de garantía de abastecemento de auga persegue que as fugas sexan inferiores ao 20%

21 Nov 2019

Santiago, 21 de novembro de 2019.- O portavoz de Medio Ambiente do Grupo Popular, Gonzalo Trenor, afirmou hoxe que o proxecto de Lei de medidas de garantía do abastecemento nos episodios de seca e nas situacións de risco sanitario, cuxo ditame foi aprobado hoxe na Comisión 2ª e queda pendente da súa aprobación definitiva en Pleno, obriga á realización de auditorías e plans de actuación sobre as perdas nas redes de abastecemento, co obxectivo de que as fugas se sitúen por baixo do 20 por cento, fronte ao 40 por cento que se estiman na actualidade.

 

Gonzalo Trenor lembrou que “nos últimos anos os períodos de escaseza de precipitacións e, derivado diso, de diminución dos recursos hídricos dispoñibles, xunto coa existencia de eventos que poden reducir puntualmente a calidade da auga destinada a consumo humano ou os efectos do cambio climático, puxeron de manifesto a existencia de situacións nas que a garantía do abastecemento podería chegar a estar comprometida”.

 

INSTRUMENTOS DE PLANIFICACIÓN

 

“Diante disto, esta nova lei nace coa vocación de ser un instrumento xurídico que permita xestionar os eventos de seca ou de risco sanitario con dilixencia e eficacia, garantindo o abastecemento”, sinalou. Así, apuntou que “ordena e delimita con detalle o alcance dos instrumentos de planificación, como ferramenta clave na coordinación entre as distintas administracións e para que a súa efectividade se estenda a todas as fases na evolución dun período de seca ou dunha situación de risco sanitario”.

 

Entre as cuestións a destacar deste proxecto de Lei, o portavoz popular sinalou “a obriga das administracións públicas responsables dos sistemas de abastecemento urbano de realizar auditorías e plans de actuacións sobre as perdas nas redes de abastecemento co obxectivo de minimizalas e situalas  como máximo no 20 por cento”.

 

CONTADORES NA CAPTACIÓN E NO SUBMINISTRO

 

“Esta lei establece que vai ser obrigatorio dispoñer de contadores homologados de caudal tanto nos puntos de captación de auga como nos puntos de subministro final, co obxectivo de incrementar a eficiencia na xestión das redes de abastecemento”, manifestou.

 

Trenor engadiu que a través desta nova lei “regúlase o réxime de execución e financiamento das obras e infraestruturas hidráulicas nun episodio de seca ou nunha situación de risco sanitario; o réxime das obras promovidas polas entidades locais e executadas coa colaboración da administración hidráulica de Galicia, e das obras promovidas directamente pola administración hidráulica de Galicia; e establécese o réxime de contratación de obras, servizos e subministracións e o réxime xurídico das mesmas”.

Síguenos nas redes sociais