Utilizamos cookies para asegurar que damos la mejor experiencia al usuario en nuestro sitio web. Si continúa utilizando este sitio asumiremos que está de acuerdo. Más información Política de Cookies

O Grupo Popular salienta que a acción de goberno da Xunta coincide plenamente coa Unesco en materia de educación para a sexualidade

21 Nov 2019

Santiago, 19 de novembro de 2019 .- A portavoz de Educación do Grupo Popular, María Antón Vilasánchez, afirmou hoxe no Pleno do Parlamento que “a acción de goberno da Xunta coincide plenamente co espírito das orientacións da Unesco en materia de educación en sexualidade e este enfoque integral leva practicándose en Galicia desde hai anos”.

“Porén, queremos seguir traballando para que o noso ensino continúe a ter como piares a diversidade, a igualdade, a inclusión e a innovación, na procura dun ensino de calidade para que os galegos e galegas do futuro sexan libres e donos do seu destino”, engadiu.

 

María Antón lembrou que a Unesco revisou as orientacións técnicas internacionais sobre educación en sexualidade realizadas en 2009 para dar acomodo aos cambios e tendencias sociais, co fin de trasladar un documento que reflicta os retos e desafíos da sociedade do século XXI para encarar unha educación integral en sexualidade que proporcione “un aprendizaxe estruturado da sexualidade e as relacións dunha maneira positiva e centrada no interese superior dos mozos”.

 

“A propia UNESCO indica que o máis salientable destas novas orientacións é o seu carácter integral e de enfoque positivo, situando á educación sexual dentro do marco dos dereitos humanos e a igualdade de xénero, ampliando así as visións que antes quedaban reducidas á reprodución, riscos e enfermidades”, engadiu.

 

CONVIVENCIA NAS AULAS

 

A portavoz popular salientou que “a acción do actual goberno da Xunta coincide plenamente co espírito das orientacións da Unesco”, porque “Galicia defende o respecto á convivencia nas aulas, apostando por un ensino que aborde a atención á diversidade desde a normativa e a planificación de medidas en inclusión, en igualdade e en innovación educativa”.

 

En concreto, puxo como exemplo medidas adoptadas en Galicia como o protocolo educativo para garantir a igualdade e a non discriminación e a liberdade de identidade de xénero; a guía de identidade dixital; o I Plan de actuacións para a igualdade nos centros educativos de Galicia 2016-2020; a formación para alumnado e profesorado; os contratos-programa; ou materias de libre configuración autonómica sobre igualdade de xénero, valores democráticos europeos ou coeducación para o século XXI.

Síguenos nas redes sociais