Utilizamos cookies para asegurar que damos la mejor experiencia al usuario en nuestro sitio web. Si continúa utilizando este sitio asumiremos que está de acuerdo. Más información Política de Cookies

O Grupo Popular demandará no Pleno que o Parlamento apoie a proposta de estatuto para electrointensivas elaborada polo Goberno galego

05 Nov 2019

Santiago, 5 de novembro de 2019.- O Grupo Popular demandará no Pleno da vindeira semana o apoio do Parlamento galego á proposta de estatuto para os consumidores electrointensivos elaborada polo Goberno galego, ao tempo que solicita ao Goberno de España que asuma esta iniciativa e que adopte todas as medidas previstas de maneira inmediata.

Así mesmo, solicitará ao Ministerio de Fomento que confirme o compromiso de impulsar a autovía de novo trazado entre Vigo e O Porriño, como estaba previsto no Plan extraordinario de investimentos en estradas do Goberno de Mariano Rajoy.

 

Ao remate da Xunta de Portavoces, o portavoz popular, Pedro Puy, informou que a sesión plenaria inclúe a comparecencia da conselleira de Política Social, atendendo unha petición tanto da propia conselleira como dos grupos da oposición, para informar sobre a situación da atención ás persoas maiores en Galicia.

 

Puy salientou que o número de prazas en residencias incrementouse en Galicia un 42 por cento desde o ano 2009, pasando de 5.578 a 7.969, ao que se engadirán as sete novas residencias que se construirán nas setes grandes cidades galegas, con 900 novas prazas en total, logo do acordo acadado entre a Xunta coa Fundación Amancio Ortega.

 

5.000 EMPREGOS EN SITUACIÓN CRÍTICA

 

No apartado de proposicións non de lei, o Grupo Popular solicitará o apoio do Parlamento galego á proposta de estatuto para os consumidores electrointensivos elaborada polo Goberno galego e que considera necesario que o novo Goberno central asuma na súa integridade, en tanto que a situación dos 5.000 empregos que dependen en Galicia destas industrias é crítica, moi especialmente daqueles que dependen da factoría de Alcoa en San Cibrao.

 

O portavoz popular concretou que, ademais das subvencións para compensar as emisións directas de CO2, que no caso da factoría de Alcoa en San Cibrao supoñen 25 millóns de euros, considerados insuficientes polos propios traballadores, a proposta de estatuto elaborada polo Goberno galego incorpora medidas de carácter fiscal, como a supresión do imposto do 7 por cento á xeración eléctrica a todos os consumidores e do céntimo verde ao carbón; a redución de cargas e peaxes recollidos nas tarifas de acceso, co obxectivo de axustar os custos de transporte ao resto de países europeos; o fomento dos contratos bilaterais de enerxía eléctrica, de maneira que o consumidor poida asegurar o seu prezo do mercado eléctrico para un determinado volume; e a necesidade irrenunciable da incorporación da categoría do consumidor  hiper–electrointensivo.

 

“O obxectivo é que estas empresas electrointensivas poidan competir en igualdade co resto das empresas europeas do sector, para o que tamén precisan que se garanta un prezo da electricidade realmente competitivo fixado entre os 35 e os 40 euros por megavatio”, apuntou.

 

DÚBIDAS RESPECTO DA NOVA AUTOVÍA

 

A segunda das proposicións non de lei que defenderá o Grupo Popular ten como obxectivo que o Goberno central impulse a autovía de novo trazado entre Vigo e O Porriño, “prevista polo anterior Goberno de Mariano Rajoy pero sobre a que os novos responsables do Ministerio de Fomento teñen sementado dúbidas respecto da súa execución”, indicou Pedro Puy.

 

No que respecta ás preguntas ao Goberno galego, o Grupo Popular interesarase pola afección que terá en empresas e equipamentos situados en dominio público marítimo-terrestre de Galicia a modificación prevista polo Goberno central do regulamento da Lei de costas. “Esta decisión, que inicialmente parecía dirixida a finalizar coa actividade de Ence en Pontevedra, afecta a outros equipamentos existentes na costa galega, como empresas conserveiras, centros de saúde, colexios ou depuradoras”, concretou.

 

O Grupo Popular tamén preguntará pola evolución turística da Comunidade galega ao longo deste ano e, por último, sobre a actuación da Xunta para acompañar ao sector da automoción galega na consolidación do seu crecemento dos últimos anos e para dar resposta ao escenario futuro, logo do acordo de fusión entre PSA e Fiat-Chrysler para formar o cuarto grupo automobilístico mundial.

Síguenos nas redes sociais