Utilizamos cookies para asegurar que damos la mejor experiencia al usuario en nuestro sitio web. Si continúa utilizando este sitio asumiremos que está de acuerdo. Más información Política de Cookies

Pedro Puy asegura que “os cidadáns non entenden que o Goberno central se apropie dunhas cantidades recadadas que son das comunidades autónomas”

14 Oct 2019

 

Santiago, 14 de outubro de 2019.- O portavoz do Grupo Popular, Pedro Puy, afirmou hoxe que “os cidadáns non entenden que o Goberno central se apropie dunhas cantidades recadadas que corresponden ás comunidades autónomas” e indicou que “o que subxace é un intento de transferir ás comunidades un problema de axuste do gasto ou de déficit”. Así mesmo, criticou que o delegado do Goberno avanzara onte un adiamento da chegada do AVE a Galicia ata 2021, “só tres semanas despois de que o seu partido apoiara no Debate sobre o Estado da Autonomía unha resolución na que se pedía ao Goberno central que o AVE estivera funcionando con todas as garantías de seguridade e se puideran mercar os billetes o vindeiro ano 2020”.

 

Pedro Puy manifestou que a aprobación no Consello de Ministros do pasado venres do traspaso a Galicia das cantidades correspondentes ás entregas a conta “nos deixa un saber agridoce”. Neste sentido, salientou que “ao final se impuxo o que dixemos desde o primeiro momento, ratificado por un informe dos Servizos Xurídicos da xunta e remitido ao Goberno central”, polo que considerou “unha manobra lamentable do Goberno socialista porque era posible facelo por decreto lei, sen que iso vulnerase ningún principio de legalidade”.

 

Así mesmo, recordou que “queda o pago da mensualidade do IVE pendente de 2017, algo que xa ingresou a Administración do Estado e que algunhas comunidades autónomas incluíron nos seus orzamentos, así como as compensacións previstas para as comunidades cumpridoras” en materia de déficit e débeda. En concreto, lembrou que no caso de Galicia ambas partidas suman 370 millóns de euros.

 

“O que subxace a todo isto é un intento do Goberno socialista de transferir ás comunidades autónomas un problema de axuste do gasto ou de déficit”, manifestou Pedro Puy, quen apuntou que a AIReF sitúa en dúas décimas de déficit o que a Administración central corrixe a costa das comunidades autónomas.

 

RESTAR CREDIBILIDADE

 

O portavoz do Grupo Popular lamentou que “xogar con estas cuestións fan que o debate político reste credibilidade aos xestores do público diante da opinión pública”. “Os cidadáns non entenden que o Goberno central se apropie dunha cantidade recadada que corresponde ás comunidades autónomas e reforza os discursos maximalistas dalgunhas formacións políticas sobre o financiamento autonómico”, polo que confiou en que “todo isto se vaia solucionando, porque nos entristece que en época electoral se poida xogar coas cousas de comer”.

 

Pedro Puy tamén se referiu á situación de crise que están a vivir algunhas industrias galegas como consecuencia das decisións adoptadas polo Goberno central. En concreto, dixo que “seguimos sen alternativa para a térmica de As Pontes; as electrointensivas seguen a pagar moito máis polo prezo da luz que os seus competidores europeos, o que pon en risco empresas como Alcoa ou Ferroatlántica; seguimos sen ter solución para o naval de Ferrol ata que se comece a construción das fragatas F-110; e pende a ameaza sobre moitas empresas pola modificación da lei de costas, como é o caso de ENCE ou conserveiras”.

 

EXCESIVO ENTUSIASMO DO DELEGADO DO GOBERNO

 

Por último, Puy criticou que o delegado do Goberno avanzara onte un novo adiamento sobre a chegada do AVE a Galicia, fixándoo para 2021 e logo de que no último Debate sobre o Estado da Autonomía se aprobara unha resolución do Grupo Popular, co apoio de socialistas e BNG, a través da que se pedía ao Goberno central que se cumpran os prazos comprometidos para a chegada do AVE a Galicia, de xeito que estea en probas antes de que remate este ano e que en 2020 estea funcionando con todas as garantías de seguridade e poidan mercarse os billetes.

 

Pedro Puy considerou “excesivo o entusiasmo co que o delegado do Goberno” defende ao Goberno socialista e explicou que no caso da factoría de Alcoa en San Cibrao “o principal problema que ten é o custo da electricidade, polo que recoméndolle que lea a Constitución Española onde se di que o Goberno do Estado é o responsable do réxime enerxético en España”. “Deberíamos facer todos un esforzo en cuestións que son fulcrais para a vida de moitas persoas e ser máis responsables aínda que esteamos en campaña electoral permanente”, indicou.

Síguenos nas redes sociais