Utilizamos cookies para asegurar que damos la mejor experiencia al usuario en nuestro sitio web. Si continúa utilizando este sitio asumiremos que está de acuerdo. Más información Política de Cookies

Tellado: “O PP volverá ser o 10-N o punto de encontro do voto moderado e a panca de cambio deste país”

22 Sep 2019

22, setembro, 2019. O secretario xeral do PPdeG, Miguel Tellado, destacou que, de cara a próxima cita coas urnas, a tarefa do Partido Popular será converterse na formación de referencia para o centro e o centro-dereita, así como reconquistar “o voto moderado e razoable” da esquerda que non se sinte representada polo proxecto de Pedro Sánchez: “O PP ten que ser o punto de encontro de todos os que non queren que goberne o PSOE”.

 

Así, indicou que o Partido Popular aspira a concentrar o voto útil de todos os que queren un goberno que goberne, que resolva os problemas e que garanta a estabilidade institucional e política; e non un goberno preocupado polo tacticismo político e electoralista de Pedro Sánchez.

 

Segundo sostivo nunha entrevista na Radio Galega, “se alguén pode facer de panca de cambio deste país para que non goberne o PSOE, é o Partido Popular”; tras recordar que coa división do voto quen gaña é a esquerda. Así mesmo, advertiu que o país atópase ante unha desaceleración económica que, de ser xestionada polo PSOE, “temos a certeza de que se converterá nunha crise”.

 

“O PP –dixo- sempre foi convocado polos españois para gobernar en situacións de dificultade e demostramos que temos experiencia en darlle a estabilidade que precisan as nosas institucións”.

 

A DÉBEDA DO GOBERNO CON GALICIA

O número dous do PPdeG volveu referirse á débeda de 700 millóns que o Goberno Central mantén con Galicia para esixir que se aboe integramente. Para Tellado, o anuncio do Ministerio de Facenda a través dos medios de comunicación, que sinala a intención de transferir unha parte deses fondos evidencia que o executivo “mentiu durante semanas e demostrou que quería provocar este bloqueo para chantaxear ás autonomías e conseguir unha investidura que non acadaba por outros métodos”.

 

Deste modo, quixo volver a salientar o papel da Xunta nesta cuestión, ao ser a primeira de España en alzar a voz contra esta inxustiza. Ademais, lembrou que a administración autonómica elaborou un informe que demostraba a legalidade de realizar estas transferencias e chegou a redactar un decreto-lei que serviría para desbloquear estes fondos. “Os que eramos vítimas desta situación buscamos solucións”, sentenciou.

 

Acerca disto, Tellado volveu ser moi crítico co papel xogado polo delegado do Goberno en Galicia e polo secretario xeral do PSdeG. “Gonzalo Caballero é Javier Losada quedaron practicamente inhabilitados para facer política en Galicia, xa que non defenderon os intereses da nosa Comunidade en ningún momento”. “Como moito –proseguiu–, poderán aspirar a un cargo en Madrid, xa que demostraron ser os máis obedientes co seu xefe”.

 

PEDRO SÁNCHEZ, UNHA AMEAZA PARA A INDUSTRIA GALEGA

“O Goberno de Pedro Sánchez é unha ameaza para a industria de España e de Galicia. Non só non resolveu ningún problema, senón que creou algúns novos onde antes non os había”, subliñou o secretario xeral do PPdeG, quen puxo como exemplos a situación actual dos sectores da automoción, do naval, da industria electrointensiva e das centrais térmicas.

 

Deste xeito, referiuse a mala xestión do goberno socialista que está a afectar ás centrais térmicas galegas e que, fronte ao PSdeG que avoga por pechalas, o PPdeG defende o mantemento do emprego. Para Tellado, se a central térmica das Pontes pecha, terá como único responsable a Pedro Sánchez, quen está poñendo en xogo o traballo de 700 familias e a competitividade das comarcas de Ferrolterra, Eume e Ortegal. “A mellor mostra de como actúa Sánchez é que quere pechar As Pontes en nome da transición ecolóxica, pero logo España importa enerxía procedente de térmicas de Marrocos que non cumpre con ningunha normativa comunitaria sobre contaminación. Este Goberno ten pouco de ecoloxista e moito de fachada”, concluíu.

Síguenos nas redes sociais