Utilizamos cookies para asegurar que damos la mejor experiencia al usuario en nuestro sitio web. Si continúa utilizando este sitio asumiremos que está de acuerdo. Más información Política de Cookies

Tellado: "O cartel electoral de Sánchez en Galicia serán os 700 millóns que nos debe e o 30% do Orzamento que quería recortar"

20 Sep 2019

20, setembro, 2019. O secretario xeral do PPdeG, Miguel Tellado, asegurou que “o cartel electoral co que se vai presentar Pedro Sánchez en Galicia nas vindeiras Eleccións Xerais vai ser, dun lado, os 700 millóns que nos adebeda e, do outro, o 30% do fondos que nos quería recortar nos seus Orzamentos fallidos para poder subirlle un 60 a Cataluña”. “Este é un legado que Galicia non merece dun presidente que Galicia non necesita”, engadiu.

 

Segundo admitiu, non hai mellor mostra da inoperancia do Goberno do PSOE que todo o proceso fallido de investidura, facendo unha valoración do Executivo  de “Moi Deficiente desde o punto de vista da xestión e de Non Presentado desde o punto de vista da súa capacidade negociadora”.

 

Nese senso, lembrou que Sánchez pasou do “no es no” ao “sí porque sí”, sendo incapaz de pactar, de ofrecer nada e de aceptar as ofertas de ninguén. Ademais, explicou que nestas cuartas eleccións en catro anos haberá algo en común coas anteriores, “a vaidade do secretario xeral do PSOE”, que foi candidato en todas elas e que demostrou ser sinónimo de inestabilidade, “algo prexudicial para todos os españois e, concretamente, para os galegos aos que lles dou as costas nestes 15 meses”.

 

CHANTAXE ÁS COMUNIDADES AUTÓNOMAS

Durante unha comparecencia en rolda de prensa, o número dous do PPdeG afeou que o Goberno central confirmase por carta á Xunta que non vai pagar máis da metade da débeda que mantén coas Comunidades Autónomas, que no caso concreto de Galicia ascende a 700 millóns de euros -descoñécese como nin cando pagará a outra metade-. “Lamentamos que o Ministerio de Facenda si teña interese en solucionar os problemas das autonomías gobernadas polo PSOE, como o caso da Comunidade Valenciana, ao mesmo tempo que ignora as demandas de Galicia”.

 

Sobre isto, reflexionou sobre se o Executivo socialista vai repartir os recursos do financiamento autonómico en función da cor política das Comunidades, xa que, de ser así, “convén que sexa honesto e llo diga directamente aos galegos”. Do mesmo xeito, cuestionou que o Goberno manteña bloqueado o Consello de Política Fiscal desde hai máis dun ano e, sen embargo, agora convoque ao Goberno galego a un órgano coordinador no eido da Función Pública.

 

Tras apuntar que o Goberno central ten a obriga de dialogar, de buscar solucións e non de chantaxear ás Comunidades só porque teñan unha cor política diferente da súa, confirmou que os populares seguirán reclamando o que se lle adebeda á Autonomía, “porque son cartos que lle corresponden lexitimamente a Galicia e porque os galegos non poden ser vítimas dun Goberno socialista en funcións que nunca funcionou”.

 

DIFERENTES MODELOS DE XESTIÓN

Por último, o secretario xeral referiuse á situación política na que se chegará ao Debate do Estado da Autonomía, á que cualificou “de profundos contrastes”: “A estabilidade política e institucional de Galicia, que contrasta coa inestabilidade do conxunto de España; e o proxecto do PPdeG, que contrasta coa absoluta falta de proxecto, de liderado, e de experiencia que temos na esquerda galega”.

 

Como expresou, Galicia hoxe pode presumir dun “Goberno autonómico que goberna, dunha Xunta con proxecto, con ideas e con experiencia; e dun presidente que pelexa todos os días por mellorar a súa Comunidade e porque sexa respectada en todos os ámbitos”.

 

Pola contra, lamentou que os cidadáns teñan un Goberno central que non funciona, que despreza a Galicia e cun presidente que só está preocupado do seu futuro persoal; sen esquecer tampouco que a oposición atópase sen liderado, sen capacidade de entendemento e só pretende xustificar asociarse co mesmo Executivo central que castiga á nosa Comunidade. “Os galegos terán a oportunidade de volver contrastar as diferenzas e de ver que tipo de modelo de xestión prefiren”, concluíu.

Síguenos nas redes sociais