Utilizamos cookies para asegurar que damos la mejor experiencia al usuario en nuestro sitio web. Si continúa utilizando este sitio asumiremos que está de acuerdo. Más información Política de Cookies

Tellado: “Na esquerda galega hai a mesma falta de proxecto e de liderado de sempre e máis división que nunca”

13 Sep 2019

13, setembro, 2019. O secretario xeral do PPdeG, Miguel Tellado, manifestou que no arranque do novo curso político atópanse novas caras na esquerda pero “a mesma falta de proxecto e de liderado de sempre e máis división que nunca”, mentres o presidente unha Xunta segue traballando e dándolle a estabilidade a Galicia, que sigue avanzando a pesar dos atrancos do Goberno de Pedro Sánchez.

Tellado aproveitou para comentar o debut do novo voceiro socialista, Gonzalo Caballero, tras tardar dous anos en darse conta da importancia do Parlamento na vida política da nosa Comunidade. “Caballero é o último dunha longa lista de mandatarios socialistas que augura o final dos mandatos do PPdeG na Xunta e seguramente acabará por ter o mesmo éxito ca todos os que o precederon”, afirmou.

 

Ademais, cuestionou que na súa primeira intervención na Cámara “o novo suposto líder da oposición” non falase dos temas que lle interesan a Galicia, demostrase non ter nin unha soa idea para a nosa Comunidade e dixese “os mesmos catro slogans que lle levamos escoitando nos últimos dous anos”. Sen embargo, incidiu en que o socialista si volveu demostrar “a obediencia cega que ten a Pedro Sánchez por riba dos intereses de Galicia, das necesidades dos galegos e, probablemente, das súas opinións persoais”, engadindo que non ten capacidade algunha para enfrontarse ao seu xefe de filas.

 

Sobre a bancada das Mareas de Podemos -agora dividida en dúas-, o número dous do PPdeG subliñou que, malia que formalmente En Marea e o Grupo Común de Esquerdas son dous partidos distintos, a realidade é que no día a día da actividade parlamentaria “din, votan e seguen a facer o mesmo” que facían antes de separarse.

 

Xa no que respecta ao BNG, Tellado lamentou que os nacionalistas non cambien: “Seguen coas súas teimas de sempre, mil veces refutadas, como son o cupo autonómico ou a tarifa eléctrica galega, e coa única idea de seguir copiando ao nacionalismo catalán, aínda que sexa a costa dos intereses de Galicia”.

 

A XUNTA BUSCA SOLUCIÓNS AO BLOQUEO

Por outra banda, o secretario xeral tamén destacou o papel do Goberno galego que, fronte ao bloqueo e a parálise do Executivo do PSOE, segue buscando solucións, lembrando así que o presidente da Xunta enviou a Sánchez unha carta cunha proposta de real decreto-lei para transferir xa ás Comunidades Autónomas os cartos que lles pertencen e que os socialistas seguen sen pagar.

 

“Desde Galicia, o presidente Feijóo e a Xunta fixeron o traballo que non soubo facer Sánchez, presentamos un informe que demostraba que era posible e legal pagar esta débeda e agora ofrecemos a ferramenta para facer efectivo ese pago”, aseverou poñendo en evidencia que do Goberno central non se recibiu máis resposta que a de insistir na chantaxe e no bloqueo, co obxectivo político de asfixiar economicamente ás autonomías sen importarlle as consecuencias que iso puidera ter nos servizos públicos que reciben as persoas.

 

Tellado, que recordou que logo de sete meses o Goberno de España non fixo nada para acabar con este bloqueo máis alá de incumprir promesas e que se negou a convocar o Consello de Política Fiscal nunha situación urxente e sen precedentes tras máis dun ano sen facelo, insistiu en que a Xunta “segue e seguirá prestando os nosos servizos públicos porque os nosos hospitais, centros de ensino e residencias de maiores non están en funcións”.

 

Ademais, afeou que a pesar que hai máis de dúas semanas se pediu de xeito formal a convocatoria do Consello de Política Fiscal para que o Executivo dea a cara e explique ás comunidades como vai solventar a débeda que ten coas autonomías, “tampouco niso recibimos máis resposta que a indiferenza e a despreocupación do Goberno central”.

 

SETE NOVAS RESIDENCIAS DE MAIORES

Por último, Miguel Tellado puxo en valor o convenio que acaban de asinar a Xunta e a Fundación Amancio Ortega para poñer en marcha sete novas residencias de maiores nas cidades galegas. “Era un proxecto xa comprometido pola Xunta, que xa tiña Orzamentos consignados para este ano, pero esta aportación da Fundación Amancio Ortega, de 90 millóns de euros, vai permitir liberar estes fondos e dedicalos a outros fins do ámbito social”, salientou.

 

Nese senso, agradeceu á Fundación a súa xenerosidade, “pois vai financiar un proxecto importantísimo para os nosos servizos sociais”, e felicitou á Xunta “por ter conseguido este mecenado e saber cooperar de xeito intelixente e lonxe do sectarismo dalgúns partidos políticos para ter cada día uns servizos públicos de maior calidade”.

Síguenos nas redes sociais