Utilizamos cookies para asegurar que damos la mejor experiencia al usuario en nuestro sitio web. Si continúa utilizando este sitio asumiremos que está de acuerdo. Más información Política de Cookies

Puy afirma que Gonzalo Caballero ten “unha magnífica ocasión” para poñerse de lado dos galegos defendendo a central de As Pontes e Alcoa

09 Sep 2019

Santiago, 9 de setembro de 2019.- O portavoz do Grupo Popular, Pedro Puy, afirmou hoxe que o secretario xeral dos socialistas galegos “ten unha magnífica ocasión para poñerse de lado dos intereses de Galicia e non do Goberno de Pedro Sánchez” tanto no debate no Pleno desta semana dunha proposición non de lei en defensa da central térmica de As Pontes como na xuntanza que celebra hoxe co Comité de Empresa de Alcoa en San Cibrao.

 

“Ata o momento, os socialistas galegos están dando unha lección de sometemento aos intereses do Goberno central”, como o demostra a súa negativa a apoiar os 700 millóns de euros que se lle deben a Galicia polas entregas a conta, o IVE e aos incentivos por ser unha comunidade cumpridora.

 

Puy informou que “un dos asuntos que se abordarán na sesión plenaria ten relación coa protección do medioambiente e a proxección internacional de Galicia como destino turístico”. En concreto, lembrou que está prevista a comparecencia da conselleira do Medio Ambiente “para clarexar certas confusións” xeradas estas últimas semanas respecto do acceso ás illas do Parque Natural das Illas Atlánticas, en concreto á illa de Ons.

 

Neste sentido, explicou que estas restricións de acceso “teñen que ver co Plan Reitor de Uso e Xestión do Parque Nacional, e non coa declaración como Patrimonio da Humanidade” de Cíes Illas Atlánticas que está a tramitar a Xunta de Galicia. Neste sentido, apuntou que desde o Grupo Popular defenderá no Pleno unha proposición non de lei a través da que se busca “unha postura conxunta do Parlamento galego na defensa ante a UNESCO da candidatura a Patrimonio da Humanidade da totalidade do territorio do actual Parque Nacional das Illas Atlánticas, incluíndo, xunto con Cíes, os arquipélagos de Ons, Sálvora e Cortegada.

 

DEFENSA DA CENTRAL TÉRMICA DE AS PONTES

 

O portavoz popular indicou que “un segundo tema proposto polo Grupo Popular no Pleno é a defensa da central térmica de As Pontes e dos seus traballadores”. Así, explicou que se trata  do maior grupo termoeléctrico con carbón de España, que da emprego directo ou indirecto a 750 persoas e xera un impacto económico na zona de 80 millóns de euros ao ano. Porén, lamentou que “na actualidade esta empresa “está a sufrir un importante deterioro na súa produción como consecuencia dunha política enerxética errática por parte do Goberno central socialista, que en lugar de defender unha transición xusta e ordenada avoga polo abandono anticipado do carbón sen dar resposta ás consecuencias en termos de actividade económica e emprego, ou do seu impacto no prezo da enerxía”.

 

“Lamentablemente a situación desta empresa non é a única en Galicia”, indicou Pedro Puy, quen se referiu ao complicado momento polo que está a atravesar a empresa Alcoa e os seus traballadores en San Cibrao. Sobre este asunto, lembrou que existe un acordo entre o Comité de Empresa e a Xunta de Galicia para solicitar que se retome a Mesa de negociación en Madrid e o Goberno do Estado aprobe unha nova tarifa eléctrica para as empresas electrointensivas.

 

OCASIÓN PARA POÑERSE DO LADO DE GALICIA

 

Deste xeito, Puy demandou ao secretario xeral dos socialistas que a visita que hoxe realiza á factoría de Alcoa en Cervo “é unha magnífica ocasión para que se poña do lado de Galicia e non do goberno de Pedro Sánchez, xuntándose á demanda dun novo estatuto para as empresas electrointensivas que lles permita ganar en competitividade e garantir o mantemento dos postos de traballo”.

 

Cuestionado sobre a débeda de 700 millóns de euros do Goberno central a Galicia, o portavoz popular reiterou que esta situación “vai afectar á economía galega e á prestación dos servizos básicos” e demandou aos socialistas galegos que “fagan o mesmo que os seus compañeiros en Castela-A Mancha, Andalucía ou Canarias, que se teñen manifestado en contra desta actitude do Goberno central e solicitando a entrega destas partidas ás comunidades autónomas porque lles corresponden”.

Síguenos nas redes sociais