Utilizamos cookies para asegurar que damos la mejor experiencia al usuario en nuestro sitio web. Si continúa utilizando este sitio asumiremos que está de acuerdo. Más información Política de Cookies

O Grupo Popular pedirá no Pleno o fomento das vivendas de alugueiro social nos concellos de menos de 20.000 habitantes

18 Jun 2019

Santiago, 18 de xuño de 2019.- O Grupo Popular defenderá no Pleno da vindeira semana dúas proposicións non de lei a través das que se demanda á Xunta para que, en colaboración coa Fegamp, fomente a constitución de parques públicos de vivenda en alugueiro social nos concellos de menos de 20.000 habitantes; e se manifesta o apoio do Parlamento galego á proposición de lei orgánica contra a ocupación ilegal e para a convivencia veciñal rexistrada polo PP no Congreso. Así mesmo, a Xunta de Portavoces acordou a celebración dun Pleno extraordinario para a elección dos senadores en representación da Comunidade galega, fixando de prazo ata o vindeiro venres, 21 de xuño, para o rexistro de candidatos por parte do Grupo Popular e En Marea.

 

Ao remate da Xunta de Portavoces, o viceportavoz do Grupo Popular, Miguel Tellado, explicou que nun Pleno extraordinario designaranse os dous senadores en representación autonómica que corresponden ao Grupo Popular e outro ao grupo de En Marea, a quen demandou que “non converta o seu conflito interno nun conflito institucional que dane a imaxe deste Parlamento”.

 

A continuación terá lugar o Pleno ordinario, que dará comezo co debate para a súa aprobación do proxecto de lei de ordenación farmacéutica e co debate de totalidade do proxecto de lei de patrimonio natural de Galicia, aos que seguirá a comparecencia da conselleira de Educación, Universidade e Formación Profesional para informar sobre a situación do ensino e da universidade na Comunidade galega ao remate do curso 2018-2019.

 

Miguel Tellado apuntou que nesta comparecencia incidirase na posición da Xunta respecto das probas de acceso á universidade. “Demandamos igualdade de oportunidades e de trato para os estudantes galegos e os doutras comunidades autónomas, xa que non parece lóxico que as comunidades que presentan un maior nivel no informe PISA estean despois por baixo da media nas notas da selectividade”, indicou.

 

VIVENDAS DE ALUGUEIRO E LEI ANTIOKUPAS

Dentro do apartado de proposicións non de lei, o Grupo Popular defenderá que a Xunta, en colaboración coa Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp) fomente a constitución de parques públicos de vivenda en alugueiro social nos concellos de menos de 20.000 habitantes, co emprego simultáneo das liñas de axuda que dispón o Goberno galego para a rehabilitación de vivendas de titularidade municipal.

 

O viceportavoz popular explicou que “a Xunta ten competencia exclusiva en materia de política de vivenda en Galicia, pero a Lei reguladora de bases de réxime local establece entre as competencias dos concellos promover e xestionar vivenda de protección pública con criterios de sostenibilidade financeira”. “Porén, a meirande parte dos concellos galegos non exercen esta competencia, polo que consideramos importante que adopten medidas, en colaboración coa Xunta, para levar adiante actuacións de reurbanización de espazos públicos e adoptar medidas orientadas a facilitar a rehabilitación de vivendas”, engadiu.

 

A segunda proposición non de lei do Grupo Popular ten como obxectivo que o Parlamento galego manifeste o seu firme apoio á proposición de lei orgánica contra a ocupación ilegal e para a convivencia veciñal e a protección de seguridade das persoas e cousas nas comunidades de propietarios, que o Grupo Popular ten presentado no Congreso.

 

“Deste xeito, reclamamos dos grupos parlamentarios galegos que apoien esta iniciativa lexislativa antiokupa pioneira en España, por ser de interese xeral e necesaria para corrixir un grave problema social e de convivencia xerado por mor desas actividades ilegais contrarias ao dereito á propiedade e á seguridade das persoas e as cousas”, manifestou.

 

Por último, o Grupo Popular preguntará na sesión plenaria ao Goberno galego sobre as actuacións desenvolvidas pola Unidade de Policía Adscrita en materia de protección das vítimas de violencia de xénero; sobre as obras de conservación executadas nos últimos dous anos na Muralla Romana de Lugo; e sobre o impacto que está a ter en Galicia a actuación do Goberno de España en relación coa continuidade de Alcoa en A Coruña e o futuro da industria electrointensiva galega.

 

FELICITACIÓN CORPOS E FORZAS DO ESTADO

Miguel Tellado tamén anunciou a intención do Grupo Popular de presentar aos demais grupos parlamentarios unha proposta de declaración institucional para felicitar ás forzas e corpos de seguridade do Estado pola recente detención de dous membros de Resistencia Galega que estaban fuxidos da Xustiza.

 

“Nos gustaría que todos os grupos parlamentarios fosen firmes e contundentes na defensa do Estado de Dereito e das forzas de seguridade do Estado, porque ante estas persoas non caben as tibiezas nin os conchabeos como as declaracións realizadas pola portavoz do BNG sobre as súas detencións”, indicou Tellado.

Síguenos nas redes sociais