Utilizamos cookies para asegurar que damos la mejor experiencia al usuario en nuestro sitio web. Si continúa utilizando este sitio asumiremos que está de acuerdo. Más información Política de Cookies

O PPdeG afirma que a Xunta ten previsto iniciar nas vindeiras semanas a rexeneración dos terreos afectados polos incendios de Rianxo e Dodro

15 May 2019

Santiago, 15 de maio de 2019.- O portavoz do Medio Rural do Grupo Popular, Moisés Blanco Paradelo, afirmou hoxe no Parlamento que a Xunta “ten previsto iniciar nas vindeiras semanas os traballos de protección, restauración e axuda á rexeneración das masas e superficie forestal afectada polos incendios forestais acaecidos en Rianxo e Dodro a finais do mes de marzo”. Blanco salientou que Galicia “xa conta con lexislación para a ordenación e a xestión forestal”, polo que rexeitou “realizar modificacións lexislativas por casuísticas particulares como as que aconteceron neste incendio forestal”.

 

Moisés Blanco salientou que a Consellería do Medio Rural solicitou no mes de marzo ao Ministerio de Agricultura unha axuda de 500.000 euros para levar a cabo os traballos máis urxentes de restauración da zona afectada polo incendio nos montes de Rianxo e Dodro no mes de marzo. “Esta solicitude foi atendida e a Consellería porase mans á obra nas vindeiras semanas para levar adiante os traballos na vexetación, contra a erosión e de mellora dos hábitats e das infraestruturas”, apuntou.

 

CUMPRIR A NORMATIVA

 

Diante da solicitude por parte de BNG de modificar as normas de xestión dos montes, o portavoz popular indicou que “non somos partidarios de establecer nova lexislación por casuísticas particulares, porque podemos prexudicar a outras zonas que traballan o monte de xeito ordenado”. “A plantación de eucalipto está regulada, polo que si todos fixéramos por cumprir a normativa non se realizarían peticións específicas para zonas concretas”, dixo.

 

Blanco lembrou que “o 97 por cento do monte galego está en mans privadas” e lembrou que dos cinco montes veciñais afectados polo incendio forestal de Rianxo e Dodro, catro teñen plan de xestión e tres deles son de xestión privada.

 

O portavoz popular fixo un novo recoñecemento “ao traballo realizado por todas as persoas que interveñen na prevención e extinción de incendios en Galicia”, e avogou por “seguir traballando para ter un servizo cada vez máis profesional”.

Síguenos nas redes sociais