O Grupo Popular demanda ao Goberno do Estado que, de tramitarse a modificación do regulamento da Lei de Costas, se adapte á normativa

15 Abr 2019

Santiago, 15 de abril de 2019.- O Grupo Popular vén de rexistrar unha proposición non de lei a través da que se solicita ao Goberno do Estado que “de tramitarse unha modificación do regulamento da Lei de Costas se adapte á normativa que lle sirve de cobertura, xa que consideramos que a redacción actual non se axusta a esta normativa”. O viceportavoz Miguel Tellado manifestou que “estamos ante un cambio normativo arbitrario, caprichoso e que crea inseguridade xurídica”, ao tempo que se trata dunha “decisión que só se explica pola época electoral na que nos atopamos, ao modificar decretos de forma exprés e inxustificada”.

 

Tellado afirmou que “o Goberno de Pedro Sánchez está a facer unha interpretación interesada da normativa de Costas para intentar xustificar a  decisión arbitraria da Avogacía do Estado de allanarse nos procedementos abertos en relación á prórroga da concesión a ENCE en Pontevedra”.

 

En concreto, explicou que a afección desta modificación a nivel galego destaca sobre tres cuestións: a nova norma recolle que o prazo máximo de duración da concesión, incluídas as prórrogas, en ningún caso pode exceder de 75 anos; faise necesario revisar, caso a caso, si se cumpren ou non os requisitos establecidos para o outorgamento da concesión no momento de decidir se procede ou non a prórroga solicitada; e considérase necesario derivar fóra da zona de dominio público marítimo-terrestre todas as actividades que poidan emprazarse noutro lugar.

 

A XUNTA ESTÁ A CUMPRIR O SEU PAPEL

 

O viceportavoz popular subliñou que “a Xunta está a cumprir o seu papel e para iso xa ten presentado as correspondentes alegacións ante esta modificación do regulamento da Lei de Costas, e as conselleiras de Medio Ambiente e do Mar tamén teñen solicitado unha reunión ao secretario de Estado de Medio Ambiente para que explique a incidencia da modificación do regulamento da Lei de Costas”.

 

Tomando os datos facilitados polo Instituto de Estudos do Territorio, Miguel Tellado explicou que “esta decisión afectará a máis de 100 empresas de cultivos mariños, transformación e auxiliares, como conserveiras, depuradoras, cocedoiros de moluscos ou instalacións de acuicultura;, así como a case 5.000 edificacións de 80 concellos costeiros de Galicia”. “Pero o impacto desta modificación do regulamento da Lei de Costas non só será a nivel económico e empresarial, senón que tamén haberá un prexuízo para outras instalacións educativas, sanitarias ou de servizos sociais que na actualidade se atopan en terreos de dominio público marítimo terrestre”, engadiu.

 

Deste xeito, a proposición non de lei do Grupo Popular solicita tres cuestións moi concretas: que o Goberno do Estado dea traslado á Xunta dun informe exhaustivo sobre todas as concesións que se verían afectadas pola modificación do regulamento de Costas; que, de tramitarse esta modificación do Regulamento, se adapte á lei que lle sirve de cobertura e, polo tanto, pedimos que se retire na súa redacción actual porque consideramos que non se axusta á normativa; e que na nova tramitación que se acometa, se dea un prazo axustado de alegacións para que toda a cidadanía e sectores afectados poidan ter coñecemento da modificación e facer as alegacións oportunas.

 

Miguel Tellado considerou que esta decisión vénse sumar á lista de agravios do Goberno de Pedro Sánchez con Galicia. Así, citou o borrador de orzamentos do Estado, que recortaba os investimentos en Galicia un 26 por cento; a limitada autorización para a utilización do superávit de 2018, que o Goberno central ten reducido de 125 a pouco máis de 100 millóns de euros; a devolución de 200 millóns correspondentes a unha mensualidade do IVE; a compensación doutros 170 millóns de euros polo cumprimento nos anos 2017 e 2018 dos compromisos de déficit e débeda; e os 330 millóns de euros que o Goberno do Estado adebeda a Galicia correspondentes ás entregas a conta.

 

“A nivel industrial, a Comunidade galega tamén se viu prexudicada, ben pola falta de iniciativa ou por decisións erróneas do Goberno socialista”, lamentou o viceportavoz popular. En concreto, referiuse ás empresas electrointensivas, pola falta do novo estatuto para estas industrias grandes consumidoras de electricidade; o sector da automoción, logo da alarma xerada co imposto ao diésel; o sector naval da ría de Ferrol, polo atraso no contrato para a construción das fragatas F-110, ao que agora se engade o anuncio de traspaso de carga de traballo dos estaleiros da ría de Ferrol aos de Cádiz; e, finalmente, a modificación do regulamento da Lei de Costas para pechar a factoría de ENCE en Pontevedra”, apuntou.

Síguenos nas redes sociais