Utilizamos cookies para asegurar que damos la mejor experiencia al usuario en nuestro sitio web. Si continúa utilizando este sitio asumiremos que está de acuerdo. Más información Política de Cookies

Os deputados galegos presentan unha emenda para que a transferencia da AP-9 se realice cos compromisos adquiridos e sen supor gastos extra para os galegos

26 Feb 2019

26, febreiro, 2019. Os deputados galegos no Congreso presentan emendas á Lei de transferencia da AP-9 para que esta se faga cos compromisos adquiridos e sen supor gastos extra para os galegos.

O deputado galego no Congreso, Celso Delgado, demanda que o cambio de titularidade sirva para paliar o desequilibrio territorial en materia de autoestradas de peaxe que prexudica a Galicia, e acadar tamén unha mellor eficiencia e eficacia da vía. “É necesaria a súa transferencia para rachar con esta discriminación”, e que permita unha xestión máis directa e pegada ao territorio que, segundo Celso Delgado, suporá unha mellora considerable da calidade do servizo e un aumento da súa competitividade.

 

Tal e como salientou, co fin de garantir o imprescindible equilibrio territorial e igualdade de oportunidades de Galicia co resto de España, instan ao Estado a que asuma, con cargo aos Orzamentos Xerais do Estado a supresión da aplicación do incremento da tarifa do 1% acumulativo anual durante os próximos 20 anos. Neste punto, Celso Delgado recordou que estas subas das tarifas teñen a súa orixe nun acordo aprobado polo Goberno socialista en 2011. “Queremos que se poña fin a estes pagos inxustos e que se afronte o custo das obras acometidas, a través dos Orzamentos Xerais do Estado en lugar de con subas inxustificadas de peaxe”, indicou. “É inaceptable –engadiu- que os galegos teñan que pagar máis de 1.400 millóns de euros por unha infraestrutura que custou menos de 230 millóns”.

 

Os populares propoñen, tamén, a bonificación da peaxe nun 25% para itinerarios de ida e volta, aplicándose a ambos itinerarios para todos os tipos de vehículos e calquera día da semana. Unha medida que afonda na diminución do impacto das peaxes nas economías familiares, na competitividade e na seguridade viaria.

 

AS ACTUACIÓNS COMPROMETIDAS

As emendas esixen tamén o cumprimento de todas aquelas actuacións xa comprometidas polo anterior Goberno de Mariano Rajoy. Así, Celso Delgado recordou, a liberalización da peaxe de Redondela, a ampliación de Alfonso Molina, a conexión da AP-9 coa A-54 (Enlace Orbital) nas súas dúas fases, a reforma do enlace de Pontevedra Norte, o Vial 18 de conexión entre AP-9 e AC-14, así como as medidas derivadas do Plan de Acción contra o ruído aprobado polo Ministerio de Fomento.

 

A estas actuacións hai que sumar tamén: a ampliación da capacidade de aqueles tramos da autoestrada no que o nivel de servizo que se rexistre o faga preciso, como son os tramos entre A Coruña e Guísamo, Pontevedra Norte-Pontevedra Sur, a ponte de Rande, Rande-Puxeiros e AP-9, incluíndo a remodelación do enlace de Bos Aires.

 

Celso Delgado salientou a importancia desta vía, que cualificou de “vital para a nosa comunidade”, ao ser un eixo de comunicación principal en Galicia, ao conectar a 5 das cidades de Galicia –Ferrol, A Coruña, Santiago, Pontevedra e Vigo- e vertebrar o 60% da poboación galega e o 80% da súa actividade económica.

Síguenos nas redes sociais