Utilizamos cookies para asegurar que damos la mejor experiencia al usuario en nuestro sitio web. Si continúa utilizando este sitio asumiremos que está de acuerdo. Más información Política de Cookies

Pedro Puy amosa a “plena disposición” do Grupo Popular a consensuar iniciativas no Pleno sobre igualdade entre homes e mulleres

25 Feb 2019
Santiago, 25 de febreiro de 2019.- O portavoz do Grupo Popular, Pedro Puy, amosou hoxe “a plena vontade de chegar a acordos coa oposición” nas iniciativas sobre igualdade entre homes e mulleres, e de loita contra a violencia de xénero, que centrarán a maior parte dos asuntos que se debaterán no Pleno desta semana.
 

 

Pedro Puy lembrou que nesta sesión plenaria procederase ao debate de totalidade do proxecto de lei de rehabilitación e de rexeneración e renovación urbanas de Galicia, á que seguirá a comparecencia da conselleira de Política Social para informar dos proxectos de futuro do seu departamento.
 
 

 

CONCILIACIÓN E CORRESPONSABILIDADE
 
 

 

 

Porén, Puy subliñou que no Pleno terá especial relevancia “a problemática da igualdade entre homes e mulleres, así como a violencia de xénero”, ante o que avanzou que “intentaremos chegar ao máximo número de acordos”. Neste sentido, lembrou que “estamos a participar na elaboración dun pacto galego en materia de igualdade e temos apoiado o pacto español para mellorar a situación das mulleres”, polo que amosou a “vontade de acordo para que na medida do posible se vexa o compromiso conxunto da Cámara neste ámbito”.
 

 

 

Dentro das iniciativas que se debaterán na sesión plenaria, Pedro Puy lembrou que o Grupo Popular defenderá unha proposición non de lei a través da que se insta á Xunta a fomentar, en colaboración coas entidades locais, medidas e programas de conciliación e corresponsabilidade nos que se incorporen a perspectiva de xénero para fomentar a igualdade entre mulleres e homes, así como o impulso dos bancos de tempo para facilitar a conciliación da vida persoal, familiar e laboral nos concellos rurais.
 
 

 

Esta proposición non de lei tamén demanda o desenvolvemento de  programas de inserción laboral dirixidos a mulleres en situación de violencia de xénero, ao tempo que se demanda que se dea cumprimento a todas aquelas medidas incluídas no Pacto de Estado contra a violencia de xénero.
 

 

 

APROBACIÓN DE LEIS
 
 

 

A iniciativa tamén incorpora propostas dirixidas ao Goberno central, como a aprobación da Lei de igualdade salarial, para rematar coa fenda salarial de xénero entre homes e mulleres; a aprobación da Lei de conciliación e corresponsabilidade, onde se teña en conta a racionalización horaria e se favoreza a compatibilidade do traballo coa vida persoal e familiar; así como a aplicación e cumprimento de todas as medidas incluídas no Pacto de Estado contra a violencia de xénero.
 

 


Pedro Puy tamén lembrou que unha segunda proposición non de lei do Grupo Popular tan como obxectivo que o Goberno central articule as medidas necesarias para evitar que se materialice a decisión que ten comunicado a empresa Naturgy sobre o peche da central de Meirama.  Así, no caso de que esta empresa continúe coa súa decisión, demándase ao Goberno central que elabore xunto coa empresa un plan de reindustrialización vinculado co mantemento e a creación do emprego, de xeito que ningún dos colectivos afectados se vexa prexudicado pola decisión de peche da central de Meirama.

Síguenos nas redes sociais