Utilizamos cookies para asegurar que damos la mejor experiencia al usuario en nuestro sitio web. Si continúa utilizando este sitio asumiremos que está de acuerdo. Más información Política de Cookies

Prado: “Dez anos do PPdeG na Xunta deixan unha Galicia máis solidaria e cuns servizos públicos blindados”

23 Feb 2019

23, febreiro, 2019.A vicevoceira parlamentaria do PPdeG, Paula Prado, fixo balance da política social da Xunta de Galicia transcurridos case dez anos dende a primeira vitoria electoral de Alberto Núñez Feijóo. Prado asegurou que a xestión do partido e do seu presidente deixan unha Galicia máis solidaria, con máis axudas publicas, e que non deixa atrás a ninguén. Tamén uns servizos públicos blindados, que medran e que gañaron en calidade tanto no ámbito da sanidade (máis dotada, máis áxil e con mellores ratios de efectividade) como da educación (que conta con máis recursos para potenciar o talento dos máis novos).

Prado destacou a ambiciosa aposta pola renovación das infraestruturas sanitarias dos hospitais galegos, incidindo nas actuacións nos centros da Coruña, Lugo, O Salnés, Ourense, Barbanza, Cee, Monforte, A Mariña e Verín; e nos proxectos de futuro para os do Gran Montecelo, Ferrol, Santiago e o de Valdeorras. Do mesmo xeito, referiuse á construción en Vigo “dun dos mellores hospitais públicos de España e dos máis modernos e avanzados de Europa”.

 

Neste senso, Paula Prado incidiu en que o Goberno de Feijóo non só priorizou as infraestruturas, senón que tamén mellorou a calidade dos servizos e as prestacións para os cidadáns. Así, dixo quese reduciron os tempos de espera -20 días menos para as primeiras consultas- e que as consultas de atención primaria foron case 800.000 máis que en 2008; as dos hospitais, 614.000 máis; e 700.000 o incremento en probas diagnósticas.

 

Por outra banda, a vicevoceira parlamentaria do PPdeG salientou a aposta do Goberno galego por unha educación plurilingüe, más inclusiva, máis dixital e máis accesible. Así, recordou que, nesta década, “Galicia pasou de cero a 324 centros plurilingües” e que son 110.000 alumnos os que reciben este tipo de ensino.

 

“Galicia conta co sistema máis inclusivo de toda España, xa que máis do 92% do alumnado con necesidades educativas especiais está integrado nos centros ordinarios”, dixo Paula Prado, quen tamén puxo en valor a aposta por un ensino dixital e tecnolóxico, ao destacar que máis de 180.000 alumnos empregan o libro dixital e 900 centros dispoñen de aulas dixitais. Tal e como apuntou, creceu o investimento en obras, con preto de 200 millóns de euros investidos; o transporte, no que somos a comunidade que máis inviste; e comedores, cun incremento das prazas dun 30% desde 2009.

 

Prado lembrou que Galicia ten as taxas universitarias máis baixas de España, que a Xunta apostou por unha formación profesional atractiva, prestixiada e demandada, onde o número de matriculados son case o dobre que hai unha década e a FP Dual se converteu nun referente, cunha inserción laboral que supera no 90%. A dirixente popular tamén se referiu á taxa de abandono escolar temperán, que baixou en máis de dez puntos.

 

MÁIS APOIO ÁS FAMILIAS E MÁIS SERVIZOS DE CONCILIACIÓN

A deputada do PPdeG destacou a que foi unha das prioridades do Goberno de Feijóo: dotar de máis servizos ás familias do rural. Así, hoxe un terzo dos concellos galegos de menos de 5.000 habitantes teñen Casas Niño ou Casas do Maior.

 

E é que tal e como apuntou, o apoio ás familias galegas foi unha constante nestes dez anos. Así, duplicáronse as prazas públicas de escola infantil, pasando das 12.700 no 2009 ás 24.400 deste ano; e puxéronse en marcha novas prestacións económicas para conciliar, como: a Tarxeta Benvida, para afrontar os gastos dos fillos de ata os 3 primeiros anos, e que hoxe beneficia a 40.000 nenos; o Bono Concilia, para cofinanciar os custos da escola infantil, e que beneficia a 4.400 familias; e o Bono Coidado, unha axuda destinadaaos gastos do coidador, e que 400 familias contan con el.

 

Deste xeito, Prado considera que a Xunta deu resposta á principal demanda das familias en Galicia, que son facilidades para compatibilizar a vida laboral e a familiar. Por iso, puxo en valor a posta en marcha do Plan galego de Conciliación e Corresponsabilidade, dotada con ata 800 millóns de euros.

 

Do mesmo xeito, o Goberno galego puxo o foco de atención na atención dos maiores e dependentes. Así foi como, desde 2009, Galicia multiplicou por catro o número de persoas dependentes -hoxe son máis de 60.000- que reciben unha prestación ou servizo público; ao mesmo tempo que se multiplicoupor dez a extensión do Servizo de Axuda no Fogar e se incrementou os centros de día (en máis de 2.000), os centros de alzhéimer (en preto de 300) e as residencias para maiores (en máis de 2.300). Hoxe, tamén hai un 25% máis de prazas públicas de atención ás persoas con discapacidades.

 

MÁIS INCLUSIÓN SOCIAL

Os feitos amosan que a Xunta fixo do ámbito social unha prioridade. Desde 2009, o Goberno galego incrementou nun 67% o investimento para a loita contra a pobreza, triplicou o importe destinada á Risga e aprobou a Lei de Inclusión Social e o decreto que a desenvolve e que incentiva que os preceptores se formen e se introduzan no mercando laboral.

 

Tamén, puxo en marcha medidas para afrontar a perda de vivenda habitual por impago de hipoteca o alugueiro, así como unha oficina da loita contra os desafiuzamentos nas sete cidades galegas, que xa atenderon 1.200 casos de lanzamentos. Paula Prado fixo especial fincapé no bono social eléctrico, creado para combater, precisamente, a vulnerabilidade enerxética e co que se axudou a 14.000 familias.

 

Para finalizar, a representante popular recordou que Galicia conta con profesionais nos servizos públicos con maiores salarios que antes da crise e con máis recursos para conciliar. Neste punto, dixo que a flexibilidade horaria facilitou a 11.000 funcionarios conciliar traballo e fogar e que os empregados con fillos dispoñen dun mes extra de baixa co 75% do soldo.

 

Tamén, se ampliou o número de profesionais para a Administración Pública, Sanidade e a educación pública, así como as súas retribucións. “E todo iso demostra que o voto dos galegos foi útil, mereceu a pena, e serviu para facer unha Galicia mellor da que nos entregaron os mesmos socialistas e nacionalistas que agora pedirán o voto confiando en que Galicia esquecera o que fixeron”.

Síguenos nas redes sociais