Utilizamos cookies para asegurar que damos la mejor experiencia al usuario en nuestro sitio web. Si continúa utilizando este sitio asumiremos que está de acuerdo. Más información Política de Cookies

O Grupo Popular demandará no Pleno fomentar a igualdade entre homes e mulleres, e o cumprimento do Pacto de Estado contra a violencia de xénero

19 Feb 2019
Santiago, 19 de febreiro de 2019.- O Grupo Popular defenderá no Pleno da vindeira semana unha proposición non de lei a través da que se demanda fomentar medidas e programas de conciliación e corresponsabilidade para fomentar a igualdade entre mulleres e homes, dando cumprimento as medidas incluídas no Pacto de Estado contra a violencia de xénero.
 
 
Así mesmo, solicitará ao Goberno do Estado que articule as medidas necesarias para evitar que se materialice a decisión anunciada pola empresa Naturgy sobre o peche da central de Meirama ou, no seu defecto, se articule un verdadeiro plan de reindustrialización vinculado co mantemento e a creación de emprego.
 
 

 

Ao remate da Xunta de Portavoces, o portavoz popular, Pedro Puy, informou que a orde do día da sesión plenaria incorporou o debate de totalidade do proxecto de lei de rehabilitación e rexeneración e renovación urbana de Galicia. Ademais, terá lugar a comparecencia da conselleira de Política Social para informar das liñas xerais de actuación do seu departamento e explicar as prioridades do seu departamento, entre as que están a mellora da conciliación e a atención á dependencia.
 
 

 

Dentro do apartado de proposicións non de lei, o Grupo Popular demandará que a Xunta fomente, en colaboración coas entidades locais, medidas e programas de conciliación e corresponsabilidade nos que se incorporen a perspectiva de xénero para fomentar a igualdade entre mulleres e homes, así como o impulso dos bancos de tempo para facilitar a conciliación da vida persoal, familiar e laboral nos concellos rurais.
 
 

 

INSERCIÓN LABORAL E IGUALDADE SALARIAL
 
 

 

Así mesmo, demándase que a Xunta continúe desenvolvendo programas de inserción laboral dirixidos a mulleres en situación de violencia de xénero, ao tempo que se da cumprimento e aplican todas aquelas medidas incluídas no Pacto de Estado contra a violencia de xénero.
 
 

 

Respecto do Goberno do Estado, a proposición non de lei do Grupo Popular demanda a aprobación da Lei de igualdade salarial, para rematar coa fenda salarial de xénero entre homes e mulleres; a aprobación da Lei de conciliación e corresponsabilidade, onde se teña en conta a racionalización horaria e favoreza a compatibilidade do traballo coa vida persoal e familiar; así como a aplicación e cumprimento de todas as medidas incluídas no Pacto de Estado contra a violencia de xénero.
 
 

 

Unha segunda proposición non de lei do Grupo Popular vai dirixida a que o Goberno central articule as medidas necesarias para evitar que se materialice a decisión que ten comunicado a empresa Naturgy sobre o peche da central de Meirama, “que suporía para Galicia unha perda de negocio de 20 millóns de euros ao ano e que afecta aos preto de 100 traballadores que na actualidade ocupa esta central térmica”.
 
 

 

A iniciativa do Grupo Popular tamén prevé que, no caso de que Naturgy continúe coa súa decisión, o Goberno central elabore xunto coa empresa un plan de reindustrialización vinculado co mantemento e a creación do emprego, de xeito que ningún dos colectivos afectados se vexa prexudicado pola decisión de peche da central de Meirama.
 
 


A orde do día da sesión plenaria inclúe dúas preguntas ao Goberno galego do Grupo Popular: unha primeira, sobre a evolución da Estratexia Galega de Convivencia Educonvives 2015-2020; e a segunda, sobre a visita que a ministra de Sanidade realizou a Vigo o pasado 28 de xaneiro para informar da colaboración entre o Intecmar e o Laboratorio de Referencia sobre o control dos moluscos bivalvos de Vigo, unha decisión que xa fora comunicada no seu momento pola Dirección Xeral de Saúde e Seguridade Alimentaria da Comisión Europea á Consellería do Mar da Xunta.

Síguenos nas redes sociais