O Parlamento demanda á Xunta que axilice a elaboración do censo de infraestruturas para avanzar na redacción do plan xeral de instalacións e equipamentos deportivos

06 Feb 2019
Santiago, 6 de febreiro de 2019.- O Parlamento de Galicia aprobou hoxe, logo dunha transacción entre o Grupo Popular e o Grupo Socialista, unha proposición non de lei a través da que se demanda á Xunta que axilice a realización do censo de infraestruturas e equipamentos deportivos de Galicia, para posteriormente avanzar, en coordinación coas deputacións provinciais e os concellos, na redacción dun plan xeral de instalacións e equipamentos deportivos.
 
 

 

A deputada popular Lupe Murillo manifestou que “precisamos dun censo de instalacións deportivas para, nun paso posterior, como recolle a nosa Lei de deportes de Galicia, garantir unha apropiada utilización dos recursos”. “Será unha ferramenta de axuda para planificalo todo moito mellor”, asegurou, polo que considerou “necesaria a colaboración de todos xa que neste censo se incluirán equipamentos de titularidade local, provincial e autonómica”.
 
 

 

Lupe Murillo afirmou que a Xunta de Galicia “está a piques de rematar a fusión das dúas plataformas de rexistro de datos de instalacións nas que está a traballar: a plataforma Galicia Activa e a de eventos e actividades existente no marco do plan Galicia Saudable”.
 
 

 

PRÁCTICA XENERALIZADA
 
 

 

“Toda esta información será a base para a elaboración posterior do plan xeral de instalacións e equipamentos deportivos de Galicia, que ten como prioridade posibilitar a práctica xeneralizada da actividade deportiva e física, sen distinción de sexo, idade, condición física ou social, garantindo a apropiada utilización dos recursos que as administracións públicas poñan a disposición do deporte”, explicou.
 
 

 

A deputada popular manifestou que “a demanda de instalacións deportivas de calidade é crecente e debe ser atendida polas administracións, desde o momento en que todos consideramos o deporte como unha actividade de máxima importancia para a saúde e o benestar da poboación”. “Pero antes de realizar calquera investimento con cartos de todos, debe coñecerse a realidade existente, baseando toda actuación posterior nos principios de necesidade, urxencia e racionalización do gasto”, dixo.
 
 


“Nos orzamentos para o deporte galego nos últimos anos sempre houbo partidas importantes para infraestruturas, as máis cuantiosas xunto coas transferencias a clubes e federacións, e aínda que houbo outras prioridades que atender como consecuencia da crise económica, si é certo que se traballou con dignidade no deporte galego”, subliñou.

Síguenos nas redes sociais