Utilizamos cookies para asegurar que damos la mejor experiencia al usuario en nuestro sitio web. Si continúa utilizando este sitio asumiremos que está de acuerdo. Más información Política de Cookies

O Grupo Popular pide que a Xunta aprobe un novo plan de contabilidade pública e cree rexistros de entidades instrumentais e contas bancarias

04 Feb 2019
Santiago, 4 de febreiro de 2019.- O Grupo Popular rexistrou hoxe as súas propostas de resolución aos informes de fiscalización sobre o sector público de Galicia elaborado polo Consello de Contas, nas que solicita que a Xunta aprobe un novo plan de contabilidade pública e cree dous novos rexistros: un para as entidades instrumentais e outro sobre as contas bancarias que manexa a tesourería do sector público galego.
 
 

 

O portavoz popular, Pedro Puy, lembrou a comparecencia no Parlamento do conselleiro maior do Consello de Contas na que “constatou que xa no exercicio de 2016, o primeiro desta lexislatura, a Xunta cumpriu coas principais cuestións que recomenda este organismo”.
 
 

 

CUMPRIMENTO OBXECTIVOS DÉFICIT E DÉBEDA
 
 

 

En concreto, Puy referiuse a que o conselleiro maior ratificou que a Xunta está a cumprir os obxectivos de déficit e débeda, reduciu os desprazamentos de gasto dun exercicio a outro, mantén o período medio de pago aos provedores por baixo da media autonómica, diminúen as modificacións orzamentarias, redúcese o risco vivo dos avais do IGAPE e se introduciu a avaliación por obxectivos a través da aprobación do Plan Estratéxico.
 
 

 

Porén, o portavoz popular sinalou que “hai que dar máis pasos” e por este motivo o Grupo Popular rexistrou esta mañá as súas propostas de resolución aos informes de fiscalización da conta xeral correspondente a 2016. En concreto, demándase que a Xunta aprobe un novo plan de contabilidade pública, faga unha mellor descrición da situación financeira global do sector público autonómico, dixitalice totalmente a súa rendición de contas e se creen dous novos rexistros para mellorar a supervisión do gasto público: o das entidades instrumentais e o das contas bancarias que manexa a tesourería do sector público galego.
 
 


“A Xunta xa fixo exercicios importantes de contención do gasto público, como o demostra o feito de que suprimiu 88 entes da administración instrumental e se reduciron á metade as contas bancarias, pero é necesario dar un paso máis para evitar que esa contención do gasto se relaxe”, apuntou Puy.

Síguenos nas redes sociais