Utilizamos cookies para asegurar que damos la mejor experiencia al usuario en nuestro sitio web. Si continúa utilizando este sitio asumiremos que está de acuerdo. Más información Política de Cookies

Puy salienta que “o primeiro que debe facer o Goberno central para reforzar o autogoberno é atender as demandas de Galicia nos orzamentos do Estado”

04 Feb 2019
Santiago, 4 de febreiro de 2019.- O portavoz do Grupo Popular, Pedro Puy, salientou hoxe que “o primeiro que debe facer o  Goberno central, se se quere reforzar o autogoberno, é atender as demandas de Galicia en relación aos orzamentos do Estado, que non só prexudican en materia de infraestruturas senón que retroceden en relación a cuestións que adoptou o anterior goberno do PP, que estaban nos orzamentos de 2018 e non se cumpriron”.
 
 
Neste sentido, criticou “o intento do PSOE de abrir con outras comunidades autónomas negociacións amplas sobre transferencias aos efectos de xustificar o que se está a negociar cos nacionalistas vascos para conseguir o seu apoio aos orzamentos do Estado”.
 
 

 

Pedro Puy subliñou que o PPdeG “está onde sempre estivo: na defensa do autogoberno e na súa mellora dentro da Constitución e de acordo co que prevé o Estatuto de Autonomía”. Porén, puntualizou que “o Goberno central pode amosar a súa vontade de transferencia coa AP-9, que neste momento está en tramitación nas Cortes Xerais, e non con cortinas de fume para tapar outras negociacións” respecto dos orzamentos xerais.
 
 

 

“Non queremos que o debate sobre transferencias nos prive do que é relevante nestes momentos: os orzamentos do Estado”, manifestou o portavoz popular, quen incidiu que “son preocupantes para Galicia, tanto polas liñas xerais que marcan como polos informes negativos que estamos coñecendo dos organismos reguladores e supervisores”.
 

 

 

Ademais de adiar sine die a negociación do novo sistema de financiamento autonómico, Puy explicou que “as comunidades cumpridoras cos obxectivos de déficit como Galicia non recibiron en 2018 a recuperación das devolucións negativas que nos deixaron os gobernos socialistas de 2008 e 2009, como figuraba nos orzamentos aprobados polo Goberno do PP, unha compensación que ronda os 90 millóns de euros e que tampouco aparece no proxecto de orzamentos presentado polo Goberno socialista para 2019”.
 

 

 

Respecto deste proxecto de orzamentos, Puy subliñou que, “pese a que se incrementa o gasto público en xeral, e moi particularmente o investimento en infraestruturas, rebaixase significativamente o gasto territorializado en Galicia”. Neste punto, sinalou que “os que criticaban o 10 por cento do investimento territorializado para Galicia en anteriores orzamentos do Goberno do PP, agora están a loubar a rebaixa ao 6 por cento”.
 
 

 

Pedro Puy informou que o Grupo Popular ten rexistrado unha proposición non de lei a través da que se demanda a todos os grupos do Parlamento galego que rexeiten este proxecto de lei, por ser uns orzamentos irreais e discriminatorios para Galicia; ao tempo que se solicita a todos os grupos parlamentarios das Cortes Xerais a modificación dos orzamentos de tal xeito que, cando menos, se manteña o mesmo nivel de investimento para Galicia recollido na Lei de orzamentos de 2018, ao tempo que se inclúan as partidas suficientes para iniciar, continuar ou rematar as obras en ferrocarrís, autovías, estradas e outros proxectos comprometidos e orzamentados polo anterior Goberno do Estado.
 

 

Na súa comparecencia ante os medios, o portavoz popular tamén demandou, logo de que o Goberno do Estado  recoñecera a Juan Guaidó como Presidente encargado de Venezuela, “unha volta deste país á normalización democrática a través dun proceso de eleccións libres e con todas as garantías”.
 

 

Neste sentido, Puy referiuse á proposición non de lei rexistrada polo Grupo Popular na que se pon de manifesto “a nosa preocupación pola situación dramática que se está a producir como consecuencia do fallo sistémico da economía venezolana, que está a xerar unha emerxencia humanitaria”. “Neste sentido, preocúpanos a situación de milleiros de galegos, aos que desexamos poder axudar, como vimos facendo con axudas directas de 3 millóns de euros nos últimos tres anos, e que sexan capaces de recuperar esas normalidade económica”.
 

Síguenos nas redes sociais