Utilizamos cookies para asegurar que damos la mejor experiencia al usuario en nuestro sitio web. Si continúa utilizando este sitio asumiremos que está de acuerdo. Más información Política de Cookies

Tellado: “Mentres en Galicia baixa o paro, en España medra a incerteza”

04 Feb 2019

4, febreiro, 2019.  O secretario xeral do PPdeG, Miguel Tellado, asegurou que Galicia está consolidando o emprego creado nos últimos anos, comezando 2019 con 15.086 parados menos que hai un ano, o que supón unha baixada do 7,94%, cun nivel de desemprego moi inferior ao de hai unha década e cun ritmo de baixada superior ao rexistrado no Estado en 2,45 puntos. “Mentres en Galicia baixa o paro, en España medra a incerteza”, remarcou.

 

Así se expresaba logo de publicarse esta mañá os datos do paro de xaneiro, onde por sexto ano consecutivo redúcese o desemprego no primeiro mes. Ademais, salientou que, tamén a nivel anual, a calidade dos postos de traballo segue mellorando, aumentando a contratación indefinida nun 7,71% e a un ritmo moi superior ao reflectido na contratación temporal - a subida é maior en Galicia que en España en case tres puntos-, sen esquecer que os contratos a tempo completo tamén medran nun 3,11%.

 

Ademais, o desemprego baixa nas catro provincias galegas e nas sete grandes cidades, en todos os sectores económicos, e en todos os colectivos con máis dificultades para atopar un traballo: os menores de 30 anos, as mulleres e os parados de longa duración -tres de cada catro persoas que saíron do paro no último ano pertencían a  este último grupo-.

 

“Os datos reflicten as diferenzas entre o que está ocorrendo en Galicia e o que acontece en España”, apuntou o secretario xeral, engadindo que, por iso, a nosa Comunidade “quere blindarse contra a incerteza que presenta o Goberno de Pedro Sánchez”.

 

Como lembrou, os galegos comezaron o ano cuns Orzamentos aprobados que buscan afianzar o crecemento económico e a creación de emprego mentres o Goberno central unicamente ten un borrador “ao que ningún organismo independente lle dá credibilidade e que só busca contentar aos independentistas cataláns”.

 

FORTALECER O NOSO TECIDO PRODUTIVO

Así mesmo, Tellado aclarou que aínda queda moito esforzo por facer xa que, malia que é un comportamento que se vén producindo en Galicia ao longo de toda a serie histórica, o paro subiu en xaneiro con respecto ao mes anterior. “Precisamente por iso, temos que continuar impulsando as políticas activas de emprego e seguir traballando con estabilidade e certeza”, aseverou.

 

Como sinalou, a caída do desemprego vén aparellada da consolidación do noso tecido empresarial, que cada vez produce máis e mellor, e o obxectivo do Goberno galego é seguir fortalecendo ás nosas empresas para que creza a súa competitividade, o que repercutirá na creación de postos de traballo en Galicia e na mellora da súa calidade. 

 

Igualmente, subliñou que as cifras acadados este mes demostran que a calidade do noso mercado laboral está mellorando. De feito, contamos con máis emprego indefinido e a tempo completo na evolución anual e mensual; os últimos datos da EPA reflectiron que case tres de cada catro asalariados galegos son indefinidos, sendo o 95% do emprego creado en 2018 deste tipo; e a nosa taxa de paro é a mellor da última década (12,04%).

 

Por último, Tellado afirmou que, ao contrario do que fai o Executivo de Sánchez, o Goberno galego seguirá  fixando as bases do traballo do futuro e desenvolvendo políticas que xiran en torno á innovación e a formación, posto que esa é a mellor maneira de estabilizar o emprego, atraer investimento a Galicia e chegar a novos mercados.

Síguenos nas redes sociais