Adrián Pardo destaca o 2018 como un ano de baixada de paro e máis oportunidades para a mocidade galega

30 Dic 2018

30, decembro, 2018. O presidente de Novas Xeracións de Galicia, Adrián Pardo, fixo balance de 2018 destacando a baixada do paro entre os menores de 30 anos. Para Pardo, “despedimos un bo ano para a mocidade galega. Somos a segunda autonomía na que máis baixou o desemprego dos menores de 30 anos no último ano (durante o bipartito había 63.000 parados, fronte aos 25.000 de agora), e ademais tamén medra o número de afiliacións”.

Pardo puxo tamén en valor “a gran aposta da Xunta de Galicia no retorno da mocidade do exterior así como o traballo para a súa inserción laboral, concedendo un centenar de bolsas de 10.000 euros para cursar ciclos superiores de FP en Galicia”.

 

O presidente das mocidades do Partido Popular de Galicia tamén comparou as formas de facer política e de xestión entre o Executivo galego e o Goberno central. Neste senso destacou que “dende Madrid dedícanse exclusivamente a facer política de tuits, porque as principais decisións de goberno fanse dende a mansión de Pablo Iglesias en Galapagar ou dende o cárcere de Lledoners. Mentres, a Xunta de Galicia ten como unha das súas maiores prioridades ofertar máis e mellores oportunidades á mocidade galega, de aí a súa aposta pola formación, por brindar máis posibilidades de empregabilidade e por desenvolver unha estratexia de Xuventude”.

 

Finalmente, as Novas Xeracións de Galicia están convencidas de que o 2019 será un bo ano para a mocidade galega: “Un ano onde seguiremos sendo a autonomía coas taxas universitarias máis baixas do Estado (conxeladas dende o 2009) e onde se rebaixou o prezo dos másteres habilitantes; un ano onde se seguirá ampliando a oferta formativa, continuando o aumento dos matriculados de FP, a implantación de máis centros plurilingües e un ano onde seguiremos sendo punteiros no fortalecemento da educación dixital”.

Síguenos nas redes sociais