Utilizamos cookies para asegurar que damos la mejor experiencia al usuario en nuestro sitio web. Si continúa utilizando este sitio asumiremos que está de acuerdo. Más información Política de Cookies

O Grupo Popular afirma que o proxecto europeo de investigación sobre a vespa velutina minimizará os efectos desta especie invasora

23 Nov 2018
Santiago, 23 de novembro de 2018. O Grupo Parlamentario Popular destacou hoxe a relevancia do proxecto europeo Positive, de investigación sobre a vespa velutina, que suporá un importante avance na minimización dos efectos desta especie invasora na nosa sociedade, especialmente na apicultura.
 
 

 

A través desta iniciativa comunitaria, España, Francia e Portugal traballarán conxunta e coordinadamente para descubrir novos métodos de loita contra a vespa asiática e os seus efectos, tal e como explicou esta mañá no Parlamento a deputada popular Raquel Arias.
 
 

 

Na súa intervención, Arias puxo en valor o peso que vai ter Galicia neste proxecto, no que participan unha trintena de entidades e organismos dos países implicados. En concreto, no caso de Galicia teñen representación as universidades de Santiago de Compostela e Vigo, a Asociación Galega de Apicultura, a Agrupación Apícola de Galicia, o Consello Regulador da Indicación Xeográfica Protexida Mel de Galicia e a Dirección Xeral de Patrimonio Natural da Xunta, administración que é socia do partenariado xunto coas universidades.
 
 

 

A deputada popular manifestou a súa sorpresa polo “descoñecemento” da oposición sobre o proxecto Positive, do que xa se ten falado tanto en sesión plenaria como en comisión parlamentaria e sobre o que a Xunta de Galicia xa ten informado publicamente. “Veñen aquí a solicitar máis investigación cando está en marcha unha iniciativa ambiciosa, transversal e multisectorial con dous millóns de euros de orzamento”, lamentou a deputada.
 

 

 

Neste sentido, asegurou que a Xunta “comprende a inquietude e a preocupación que pode xerar na sociedade galega a presenza desta especie invasora”, unha comprensión e implicación que se traduce en feitos “coa participación activa do Goberno galego no Positive e todas as medidas postas en marcha ata o de agora”.
 

 

 

ACERTADA E EFICIENTE ESTRATEXIA
 
 

 

Arias explicou que as liñas básicas do proxecto inclúen a mellora do coñecemento da bioloxía da especie e os eu impacto sobre os ecosistemas; o desenvolvemento de novos métodos de control e novas técnicas apícolas para mitigar o impacto da avespa asiática nos apiarios; deseñar novos métodos de control da poboación invasora e desenvolver un plan estratéxico de cooperación para a protección dos ecosistemas e das actividades económicas.
 

 

 

Así mesmo, Raquel Arias considerou que todas as actuacións que se leven a cabo no marco do proxecto, así como as propostas e novos métodos, “serán esenciais para preservar os insectos polinizadores que están sendo atacados por especies como a avespa asiática”. Do mesmo xeito, cualificou  “moi acertada e eficiente” a estratexia de colaboración e coordinación entre todos os participantes do proxecto, “intercambiando e compartindo coñecementos e experiencias para facer fronte a un problema transfronteirizo”. 
 

 

Esta nova iniciativa de investigación súmase a outras accións promovidas pola Xunta de Galicia, en colaboración coas universidades de Santiago de Compostela e Vigo, para o coñecemento da avespa asiática e a formulación de novas ferramentas para frear a súa expansión. 
 

 

 

Ademais, a deputada popular explicou que o Goberno galego leva implicado na loita contra a avespa asiática dende que se detectou por primeira vez no 2012 a súa presenza en Galicia, implantando o Plan de vixilancia e control coa colaboración dos concellos. Na actualidade son xa 124 entidades locais as que participan.
 
 


No que vai de 2018, a Xunta leva retirado ou desactivado 21.482 niños e nos últimos tres anos distribuíu 547 equipos de protección individual, 177 pértegas e 13.800 kits de trampas aos apicultores coas correspondentes doses de líquido atraente. Ao mesmo tempo, nese período, o Goberno impartiu un total de 34 cursos recibindo formación preto de 1.400 técnicos.

Síguenos nas redes sociais