Utilizamos cookies para asegurar que damos la mejor experiencia al usuario en nuestro sitio web. Si continúa utilizando este sitio asumiremos que está de acuerdo. Más información Política de Cookies

O Parlamento require aos concellos de Ferrol e Pontevedra a implantar o servizo de transporte urbano

21 Nov 2018
Santiago, 21 de novembro de 2018.- O Parlamento de Galicia aprobou hoxe unha proposición non de lei, impulsada polo Grupo Popular, a través da que se require aos concellos de Ferrol e Pontevedra a implantación do servizo de transporte urbano ao que están obrigados por lei, co obxectivo de ofrecer máis e mellores servizos aos cidadáns e lograr unha maior coordinación coa planificación do transporte que está a levar a cabo a Xunta.
 

 

Así mesmo, o Grupo Popular aceptou a emenda presentada polo Grupo Socialista a través da que se insta ao Goberno galego a desenvolver a coordinación necesaria con ambos concellos coa finalidade de que o servizo de transporte urbano e metropolitano se configuren conxuntamente como un servizo eficiente para a cidadanía.
 

 

 

O deputado do Grupo Popular Jacobo Moreira explicou que existe normativa, tanto a nivel estatal como autonómico, que obriga aos concellos cunha poboación superior aos 50.000 habitantes a prestar un servizo de transporte colectivo urbano de viaxeiros.
 
 

 

COORDINACIÓN
 
 

 

“Consideramos que este momento, no que se está procedendo á tramitación do novo Plan de Transporte Público de Galicia, é o máis acaído para que os concellos de Ferrol e Pontevedra procedan ao establecemento de servizos de transporte público urbano, garantindo a necesaria coordinación co novo mapa concesional de transporte público interurbano competencia da Xunta”, manifestou.
 
 


No caso concreto do concello de Ferrol, Moreira indicou que está adherido ao Plan de Transporte Metropolitano de Galicia e incluído nunha área que integra a 11 concellos de Ferrolterra, onde se rexistrou un incremento do número de viaxes próximo ao dous por cento, dos que case dous millóns realizáronse con cargo á tarxeta metropolitana.

 
 
 
ACTITUDE EGOÍSTA DE PONTEVEDRA
 

 


Jacobo Moreira lamentou que o Concello de Pontevedra “non só non dispón de transporte público urbano, senón que a súa actitude política non permite a implantación dunha área de transporte metropolitano que beneficie a 11 concellos da zona”. “Foi o único municipio que trasladou dúbidas ao borrador de convenio remitido pola Xunta hai meses, e tamén o único concello co que a Xunta mantivo reunións para tratar de explicarllo e aclararlle expresamente que o custo do transporte a Monteporreiro non subiría coa posta en marcha do plan”, engadiu.

 
 
 

“A día de hoxe, a ausencia de transporte urbano e a actitude egoísta do Concello de Pontevedra están a privar aos seus veciños e aos doutros 11 concellos da área de poder gozar das vantaxes do Plan de Transporte Metropolitano de Galicia”, criticou o deputado popular. Porén, apuntou que o Goberno galego “continuará traballando para impulsar o Plan de Transporte Metropolitano nas áreas onde aínda non está implantado, e proba diso é a partida de 10,5 millóns de euros que figura nos orzamentos para 2019 e que permitiría ampliar este servizo a Pontevedra no caso de que o Concello cambie de opinión”.

Síguenos nas redes sociais