Utilizamos cookies para asegurar que damos la mejor experiencia al usuario en nuestro sitio web. Si continúa utilizando este sitio asumiremos que está de acuerdo. Más información Política de Cookies

O Parlamento demanda ao Goberno central e Turespaña que restauren o tramo da muralla de Monforte entre a Torre da Homenaxe e a Porta Nova

20 Sep 2018
Santiago, 20 de setembro de 2018.- O Parlamento de Galicia aprobou hoxe por unanimidade a proposición non de lei do Grupo Popular a través da que se solicita ao Ministerio de Enerxía e Turismo e a Turespaña que procedan a acometer as obras de recuperación e restauración que resulten procedentes no tramo da muralla de Monforte de Lemos comprendido entre a Torre da Homenaxe e a Porta Nova, dotando para tal efecto unha partida económica específica nos vindeiros orzamentos do Estado.
 

 

Así mesmo, demándase que a Xunta siga cumprindo coa maior dilixencia as súas competencias sobre o patrimonio cultural de Galicia, e colabore económica e administrativamente co Concello de Monforte para garantir a rehabilitación e conservación da muralla, dotando as partidas económicas necesarias para atender os acordos de colaboración que se acaden respecto das actuacións que proxecte o Concello na súa condición de titular da mesma.
 
 

 

A deputada popular Julia Rodríguez Barreira salientou que esta iniciativa “ten que ver co que a maioría dos estudosos coinciden en cualificar como o conxunto fortificado dos séculos XIV e XV máis importante de Galicia, de importante valor cultural que constitúe un selleiro fito identitario da vila de Monforte”.
 
 

 

Porén, Julia Rodríguez lamentou “a situación de abandono alarmante” que sofre a muralla de Monforte, a pesar de que o Concello dispón desde 2008 dun Plan de actuacións para a súa recuperación”. “Non podemos máis que lamentar que se teñan perdido estes dez anos sen que se levara a cabo unha soa xestión ou actuación dirixida a mellorar o estado de conservación da muralla, a pesar de todas as iniciativas que se debateron a nivel local impulsadas polo grupo municipal do PPdeG e que non saíron adiante polo voto en contra do equipo de goberno monfortino”.
 
 

 

ACTUACIÓN DE TURESPAÑA
 
 

 

Rodríguez Barreira lembrou que o tramo da muralla comprendido entre a Torre da Homenaxe e a Porta Nova foi cedido en 2003 ao Estado, xunto cos terreos que circundan o mosteiro, para incorporarse ao proxecto do Parador de Turismo de Monforte. “Este tramo, titularidade por tanto de Patrimonio Nacional e baixo a xestión de Turespaña, precisa dunha actuación de recuperación e conservación que poña en valor este importante monumento”, manifestou.
 

 

“Esta actuación, xa comprometida no momento de facerse a cesión, dotaría ao Parador de Monforte dun atractivo máis a engadir ao extraordinario conxunto monumental no que se localiza, pero sobre todo permitiría acometer unha actuación de recuperación nun tramo da muralla, imprescindible para, progresivamente, ir recuperando este importante monumento”, sinalou Julia Rodríguez.
 


Por este motivo, apuntou que “consideramos necesario trasladar ao organismo titular deste tramo da muralla, a conveniencia de proceder á súa recuperación e conservación, non so para poñelo en valor, senón tamén para evitar a importante degradación que está a sufrir”.

Síguenos nas redes sociais