Utilizamos cookies para asegurar que damos la mejor experiencia al usuario en nuestro sitio web. Si continúa utilizando este sitio asumiremos que está de acuerdo. Más información Política de Cookies

O PPdeG demandará no Pleno que Fomento dote de trens AVRIL a Galicia para mellorar as conexións con Madrid

18 Sep 2018
Santiago, 18 de setembro de 2018.- O Grupo Popular defenderá no Pleno do Parlamento da vindeira semana que o Ministerio de Fomento dote a Galicia de trens AVRIL para a prestación do servizo na liña Madrid-Ourense-A Coruña e Vigo, mellorando así os tempos de conexión coa Meseta e facéndoos máis competitivos.
 
 
Así mesmo, demandará  ao Goberno central que exclúa a Galicia dos suplementos territoriais en relación coas peaxes de acceso á enerxía eléctrica correspondentes a 2013, xa que considera que os impostos medioambientais establecidos pola Administración galega non deben ser abonados polos consumidores galegos.
 

 

 

O portavoz popular, Pedro Puy, informou que na Xunta de Portavoces acordouse a celebración do Debate sobre o Estado da Autonomía entre os días 9 e 11 de outubro, así como abrir un prazo ata o vindeiro luns, a proposta dos letrados do Parlamento, para que os grupos parlamentarios rexistren os membros que formarán parte das comisións de investigación sobre o accidente do Marisquiño en Vigo e sobre a situación da sanidade en Galicia.
 
 

 

“Imos facer unha comisión de investigación estritamente sobre o que piden os grupos da oposición: a evolución do gasto público nestes últimos anos e a súa repercusión nos servizos sanitarios”, concretou Pedro Puy. Deste xeito, apuntou que “non imos facer o xogo a quen quere desprestixiar o conxunto das institucións”.
 

 

 

Así mesmo, sobre a Comisión de Investigación do accidente do Marisquiño, Puy reiterou que “simplemente con que o Concello de Vigo se tivera comportado do mesmo xeito que fixo a Xunta dando amplas explicacións da súa actuación no Parlamento, non se tería aprobado esta comisión”.
 
 

 

COMPARECENCIA DO CONSELLEIRO DE SANIDADE
 
 

 

A Xunta de Portavoces celebrada esta mañá tamén incluíu na orde do día da sesión plenaria a comparecencia do conselleiro de Sanidade para informar dos acordos acadados a finais do pasado mes de xullo coas organizacións sindicais sobre a carreira profesional, “un acordo histórico no que se acadan criterios superiores aos das demais comunidades autónomas”.
 

 

 

Respecto das proposicións non de lei que defenderá o Grupo Popular no Pleno, Puy informou que solicitarase ao Ministerio de Fomento para que, no marco do contrato que Renfe adxudicou a Talgo, dote a Galicia de trens de última xeración AVRIL na liña entre Madrid e A Coruña e Vigo, o que permitirá acadar tempos máis competitivos nas conexións de Galicia coa capital de España.
 
 

 

Así mesmo, o Grupo Popular solicitará que o Goberno do Estado exclúa a Galicia do pago dos tributos e taxas fixados na orde pola que se establecen os suplementos territoriais en relación coas peaxes de acceso de enerxía eléctrica correspondentes ao exercicio de 2013. Esta solicitude responde ao feito de que “consideramos que as diferentes taxas que aplica a Administración galega non gravan as actividades ou instalacións destinadas a subministración eléctrica e, polo tanto, non se poden incluír nos suplementos territoriais para que sexan abonados polos consumidores galegos”.
 

 

 

PREGUNTAS AO GOBERNO
 
 

 

No apartado de preguntas ao Goberno galego, o Grupo Popular cuestionará sobre o balance e as previsións para o desenvolvemento das estacións intermodais nas principais cidades galegas; así como sobre a postura da Xunta ante o anuncio feito pola empresa Naturgy de que rescindirá o contrato de subministro de enerxía eléctrica á industria galega.
 
 


Cuestionado sobre a eliminación dos aforamentos, Pedro Puy lembrou que no Parlamento galego xa aprobou unha proposición non de lei “na que estábamos abertos a facer o mesmo que se leve a cabo a nivel nacional”. Porén, sinalou que “o relevante é que hai unha proposta de reforma constitucional dirixida a crearlle un problema ao líder da oposición, pero a política e a constitución son cousas máis serias e non deben estar ao albur dunha mala semana do Presidente do Goberno do Estado”.

Síguenos nas redes sociais