Utilizamos cookies para asegurar que damos la mejor experiencia al usuario en nuestro sitio web. Si continúa utilizando este sitio asumiremos que está de acuerdo. Más información Política de Cookies

Tellado advirte da “ameaza para a economía galega” que supón Pedro Sánchez, xa que “só pon dúbidas nas cuestións clave para Galicia”

17 Sep 2018

16, setembro, 2018. O secretario xeral do PPdeG, Miguel Tellado, advertiu da “ameaza para a economía galega” que supón Pedro Sánchez na Moncloa, xa que “só pon dúbidas nas cuestións clave para Galicia”.

 

Nunha entrevista en Radio Nacional de España, o popular afirmaba que o de Sánchez é “o goberno máis débil da historia da Democracia, non só porque non saíu das urnas, senón porque ademais non só non gañou as eleccións, senón que as perdeu co peor resultado da historia do PSOE”.

 

Así dixo que poucos máis de 100 días a fronte do Executivo foron suficientes para que Sánchez teña sembrado dúbidas sobre a chegada do AVE –retrasando prazos comprometidos-, sobre a recadación fiscal da comunidade –cando semella que “queren quitarnos 200 millóns de euros da recadación de IVE de 2017”- ou sobre sectores económicos estratéxicos para Galicia como son o enerxético –poñendo no punto de mira ás centrais de Meirama e As Pontes-, –sementando a dúbida sobre os vehículos diésel que tamén se fabrican en Galicia- ou o naval –poñendo en perigo a construción de cinco corbetas para Arabia Saudí na ría de Ferrol-.

 

Para Tellado o Goberno de Pedro Sánchez “só acerta cando rectifica” e advertiu de que, lamentablemente, “a súa debilidade nos pode saír cara”, xa que é refén daqueles que o levaron á Moncloa” –Podemos e os nacionalistas-. Ao fío disto criticou a posible suba de impostos que contempla o Goberno central e aseverou que “a solución non pasa por esquilmar o peto dos contribuíntes para que paguen os caprichos dun Executivo tan oportunista como o de Sánchez”.

 

Así, contrapuxo o modelo dun Partido Popular afeito a eliminar o gasto superfluo e a manter ou baixar os impostos para reactivar a economía ao do PSOE, que prefire subir os impostos e incrementar o déficit gastando o que non temos para satisfacer as demandas dos socios que os levaron á Moncloa poñendo en perigo “a recuperación económica acadada por todos”.

 

MARISQUIÑO

Cuestionado acerca da comisión de investigación que se iniciará na Cámara galega sobre o accidente acontecido durante o desenvolvemento do Marisquiño, en Vigo, afirmou que “Abel Caballero está nervioso”, posto que é “incapaz de asumir as súas responsabilidades”, polo que non fai máis que “eludilas e agocharse tras a confrontación permanente coa Xunta”.

 

Segundo apuntou Tellado, “gostaríanos que as investigacións se fixeran no Concello de Vigo”, pero non é así e por iso os “socios habituais do PSOE” pediron unha comisión de investigación no Parlamento autonómico.

 

“Caballero precisa moitas luces de Nadal para agochar a súa arrogancia e á súa incompetencia”, concluíu.

 

ILUSIÓN DE CARA ÁS MUNICIPAIS

O segundo dos populares galegos afirmou percibir “moita ilusión” nos asistentes ás presentacións dos candidatos do PPdeG ás cidades de Lugo e Ourense celebradas esta fin de semana polo que, asegurou, “as nosas perspectivas de cara ás vindeiras municipais son cada vez mellores” xa que, dixo, “estamos mellor que hai tres meses e mellor que hai un ano”.

 

En canto á posibilidade de afrontar unha remodelación do Goberno autonómico por mor das candidaturas ás cidades, Tellado aseverou que “Galicia conta cun Goberno que desprende unha sensación de estabilidade, seriedade e rigor, a dun equipo que traballa día a día por mellorar a calidade de vida dos galegos”. Insistiu do mesmo xeito en que a reconfiguración do Goberno é unha “competencia exclusivísima do presidente” e dixo estar seguro de que “do mesmo xeito que acertou sempre creando os seus equipos, acertará unha vez máis”.

Síguenos nas redes sociais