Utilizamos cookies para asegurar que damos la mejor experiencia al usuario en nuestro sitio web. Si continúa utilizando este sitio asumiremos que está de acuerdo. Más información Política de Cookies

O Pleno do Parlamento aproba o ditame da Comisión de estudo sobre política forestal e prevención de incendios

11 Sep 2018
Santiago, 11 de setembro de 2018.- O Pleno do Parlamento de Galicia aprobou hoxe, co apoio do Grupo Popular e o Grupo Socialista, o ditame emitido pola Comisión de estudo sobre política forestal e prevención de incendios forestais, que incorpora 123 recomendacións para implantar reformas a medio e longo prazo que incidan nos problemas do monte e o medio rural galego. “Trátase dun ditame plural, multidisciplinar e que afonda nas causas estruturais dos incendios e propón solucións que van máis alá da extinción”, sinalou o portavoz de Medio Rural do Grupo Popular, José González.
 
 

 

O portavoz popular agradeceu o traballo realizado por todos os deputados que integraron esta comisión de estudo, así como dos 60 comparecentes, dos organismos e organizacións que remitiron 53 informes e da Xunta pola documentación que remitiu para facilitar o traballo da comisión de estudo.
 
 

 

PROBLEMÁTICA MÁIS XERAL
 
 

 

“Todos os grupos parlamentarios fomos conscientes de que o problema dos incendios forestais se enmarca dentro dunha problemática máis xeral que afecta ao medio rural galego”, lembrou José González. Deste xeito, destacou, “partindo de que o monte arde porque o queiman os incendiarios, dúas cuestións de fondo: o fenómeno da desagrarización e as transformacións asociadas ao rural galego, que provocou que nos últimos 60 anos se perdera un gran número de agricultores e gandeiros; e unha estrutura da propiedade galega, caracterizada por un elevado minifundismo e fragmentación, así como un elevado grao de descoñecemento dos propietarios rurais”.
 
 

 

Así mesmo, explicou que “o conxunto das 123 recomendacións presentan unhas características comúns: a súa concreción e medidas prácticas; a esixencia de calendarios de aplicación; e o establecemento de mecanismos parlamentarios para o control do seu cumprimento”.
 
 

 

No ámbito da ordenación do territorio rural e dos usos do solo, José González explicou que “se recomenda realizar unha planificación integral do territorio rural e dos usos do solo rural, para o que consideramos necesario utilizar os instrumentos actualmente existentes e regulados na Lei de Ordenación do Territorio”.
 
 

 

COMPLEXIDADE DA ESTRUTURA DA PROPIEDADE
 
 

 

“A complexidade da estrutura da propiedade no territorio rural de Galicia é un dos principais impedimentos para o desenvolvemento de actividade agraria que permita un medio rural vivo, dinámico e sustentable”, sinalou o deputado popular. Neste sentido, indicou que Galicia ten máis de 11 millóns de parcelas rústicas que pertencen a máis de 1,6 millóns de titulares catastrais, o que sitúa á Comunidade galega como a que ten máis parcelas de rústica de España. Ademais, o 97 por cento do monte galego está en mans privadas e, deixando á marxe as comunidades de montes veciñais en man común, dúas terceiras partes está composto por pequenas parcelas dispersas a propietarios que na súa maioría están desligados do rural.
 

 


“Este é o verdadeiro obstáculo para que moitas das medidas implantadas pola Consellería do Medio Rural funcionen adecuadamente e por iso temos que ser moi incisivos nas medidas a adoptar para mobilizar a terra produtiva”, indicou o portavoz popular.

 
 
 
Para facer fronte a esta situación, o ditame propón concentrar as competencias na materia na Axencia Galega de Desenvolvemento Rural (Agader), que inclúe o Banco de Terras, ampliando e afondando nas súas competencias para a mobilización da terra produtiva, mesmo mediante a compravenda. Ademais, este organismo actuará como organizador dos polígonos agrarios e forestais, ao tempo que converterase na axencia mobilizadora da terra produtiva colaborando coa Dirección Xeral do Catastro para a revisión integral do catastro de rústica.
 

 

“Temos que aclarar a propiedade do rural galego e, naqueles casos nos que o procedemento de investigación culmine sen que apareza un propietario, propoñemos que pasen a ser xestionados directamente por Agader e sexan propiedade da comunidade autónoma e non do Estado”, apuntou.
 

 

 

Outro dos apartados para os que se inclúe recomendacións no ditame é a planificación e ordenación forestal, recollendo un compromiso temporizado para o desenvolvemento dos plans de ordenación dos recursos forestais dos distritos, como primeiro paso para conseguir o obxectivo de ordenar o monte galego. Así mesmo, recoméndase o impulso da certificación forestal, a creación dun inventario forestal propio de Galicia e a posta en marcha dunha comisión para afondar na simplificación normativa no ámbito da actividade forestal.
 

 


En relación coa prevención de incendios, o ditame aprobado avoga porque se procure centralizar nun ente instrumental específico, dependente da Xunta, unha serie de funcións en materia de prevención e vixilancia dos incumprimentos. Ademais, considérase necesario a existencia dun ente autonómico que preste colaboración e asesoramento estable aos concellos, como un mecanismo que impulse o cumprimento das súas obrigas en materia de prevención.

 
 
 
MAGNÍFICO SERVIZO DE EXTINCIÓN
 

 

 

Un último apartado de recomendacións céntranse no servizo de prevención e extinción de incendios. José González subliñou que “Galicia conta cun magnífico servizo de extinción de incendios, que debe manter a súa configuración actual de servizo público”, pero para incrementar a súa eficacia proponse a creación dun grupo de seis expertos de recoñecida capacidade e competencia, elixidos polos grupos parlamentarios e presididos polo xefe do Servizo de Extinción de Incendios.
 

 


Outras recomendacións recollidas no ditame van dirixidas á profesionalización dos silvicultores; á promoción da xestión conxunto da monte galego; ao impulso da multifuncionalidade do monte galego, promovendo a gandería en extensivo; melloras na xestión das franxas de seguridade ao redor dos núcleos de poboación; a potenciación do papel protagonista das comunidades de montes veciñais en man común; ao reforzo dos espazos protexidos; á potenciación da investigación contra os incendios; á implantación de medidas que permitan adaptarse ao cambio climático; ou a mellora da formación do persoal da loita contra os incendios.

Síguenos nas redes sociais