Utilizamos cookies para asegurar que damos la mejor experiencia al usuario en nuestro sitio web. Si continúa utilizando este sitio asumiremos que está de acuerdo. Más información Política de Cookies

O Grupo Popular esixirá no Pleno ao Goberno central igualdade de trato para os portos galegos, logo dos beneficios anunciados para Valencia

04 Sep 2018
Santiago, 4 de setembro de 2018.- O Grupo Popular defenderá no Pleno do Parlamento galego da vindeira semana unha proposición non de lei a través da que se esixe ao Goberno central igualdade de trato e consideración entre as diferentes autoridades portuarias, achegando unha compensación económica semellante nos termos xurídicos e administrativos equivalentes ás decisións adoptadas para o caso do porto de Valencia. Así mesmo, demandará que se constitúa de inmediato o grupo de traballo anunciado pola ministra de Industria para analizar o modelo de transición enerxética máis racional e sustentable ambiental e economicamente, no que teñan cabida as centrais térmicas máis eficientes, como as de Meirama e As Pontes.
 
 

 

O portavoz popular, Pedro Puy, asegurou que as iniciativas incorporadas polo PPdeG na orde do día da sesión plenaria “están vencelladas coas prioridades de goberno que levamos impulsando desde o inicio da lexislatura: a creación de emprego e o benestar social”. Así mesmo, salientou que os grupos da oposición aportan case o 80 por cento dos temas do pleno, “sen veto e con capacidade para controlar ao Goberno galego nas cuestións que eles consideran relevantes”.
 
 

 

A primeira das proposicións non de lei que defenderá o Grupo Popular ten que ver co anuncio feito polo Goberno de Pedro Sánchez no Consello de Política Fiscal e Financeira de asumir a débeda financeira xerada pola Copa América e a Fórmula 1 no porto de Valencia, “rompendo as regras manifestadas polos distintos gobernos de España de manter unhas condicións idénticas para todos os portos españois”.
 
 

 

RESTABLECER A IGUALDADE
 
 

 

“Desde o PPdeG, entendemos que o actual Goberno de España debe restablecer o grao de igualdade e que todos os portos de Galicia teñan as mesmas condicións”, manifestou o portavoz popular. Deste xeito, o Grupo Popular esixirá no Pleno igualdade de trato e consideración entre as diferentes autoridades portuarias galegas en relación á de Valencia, nos termos relativos ao financiamento e asunción das débedas contraídas pola acometida de infraestruturas necesarias para a súa operatividade e competitividade.
 
 

 

Así mesmo, solicitará ao Goberno central unha compensación económica semellante á adoptada para o caso do porto de Valencia e liberar ás autoridades portuarias galegas das cargas económicas xeradas para acometer os investimentos en infraestruturas loxísticas ou portuarias. Por último, demándase a celebración de cadanseus Consello de Administración extraordinario das autoridades portuarias galegas para que se dirixan a Portos do Estado co obxectivo de establecer a vía para a liberación de débedas ou compensación de investimentos.
 
 

 

O Grupo Popular considera prioritario atender as necesidades de financiamento de actuacións coma a de Punta Langosteira, o seu acceso ferroviario e a súa derivada do aproveitamento dos peiraos interiores da Coruña; outorgar esa mesma equidade de trato coa aposta polo acceso ferroviario á terminal ro-ro de Vigo; verificar a igualdade de atención ao acceso ferroviario ao porto exterior de Ferrol e á propia infraestrutura de Caneliñas; ou atender outras necesidades amosadas polos portos de Marín, San Cibrao e Vilagarcía.
 
 

 

A segunda proposición non de lei do Grupo Popular ten que ver coas centrais de Meirama e As Pontes, logo da alarma xerada polo anuncio realizado pola ministra para a Transición Ecolóxica sobre o peche, máis ou menos próximo, das centrais térmicas de carbón.
 
 

 

MODELO DE TRANSICIÓN ENERXÉTICA RACIONAL E SUSTENTABLE
 
 

 

Diante desta situación, “pedimos que o Goberno central constitúa de inmediato o grupo de traballo anunciado pola ministra de Industria, con presenza das comunidades autónomas, para analizar o modelo de transición enerxética máis racional e sustentable ambiental e economicamente, no que teñan cabida centrais térmicas eficientes como Meirama e As Pontes”, sinalou Pedro Puy.
 
 

 

Ademais, a iniciativa do PPdeG incorpora que se instauren canto antes os mecanismos de capacidade suprimidos de acordo cos criterios establecidos pola Unión Europea para as centrais térmicas de carbón máis viables económica e ambientalmente, ao tempo que se faga efectivo o mecanismo de apoio por un importe de 20 millóns de euros para a redución das emisións ambientais nas centrais térmicas do carbón.
 
 


Os deputados do Grupo Popular tamén preguntarán na sesión plenaria ao Goberno galego sobre o acordo asinado entre a Xunta e os sindicatos para incrementar o salario dos docentes en Galicia arredor de 1.260 euros ao ano; sobre as actuacións desenvolvidas en materia de conservación de estradas e as prioridades de actuación; e sobre os avances e novidades que se teñen producido nos últimos meses no proxecto do hospital Gran Montecelo de Pontevedra.

Síguenos nas redes sociais