Utilizamos cookies para asegurar que damos la mejor experiencia al usuario en nuestro sitio web. Si continúa utilizando este sitio asumiremos que está de acuerdo. Más información Política de Cookies

Tellado: “O paro interanual baixa en Galicia e sobe en España porque aquí goberna o PP e no conxunto do Estado o PSOE”

04 Sep 2018

4, setembro, 2018. O secretario xeral dos populares galegos, Miguel Tellado, asegurou que o paro interanual baixa en Galicia e sobe en España porque, mentres na nosa Comunidade goberna o Partido Popular, o conxunto do Estado está xestionado pola inestabilidade do PSOE. “A economía española comeza a sufrir as incertezas que xera o Goberno de Sánchez", aseverou logo de publicarse esta mañá os datos do paro do mes de agosto.

 

Segundo sinalou, "os indicadores económicos comezan a frearse, froito dun Executivo que quere desandar o camiño que nos sacou da crise e nos levou a liderar o crecemento en Europa". De feito, lembrou que o primeiro mes de agosto do Goberno de Sánchez supón as peores cifras de emprego desde 2011, que foi o último mes de agosto que gobernou o PSOE de Zapatero.

 

"As únicas receitas económicas de Pedro Sánchez son subir todos os impostos, crear algúns novos e endebedarse máis. Son as mesmas receitas que nos levaron ao peor da crise", insistiu o número dous do PPdeG.

 

No que respecta á nosa Comunidade, Tellado recordou que somos a Autonomía que rexistra a segunda maior caída interanual do paro, cun descenso do 9,22% -16.701 parados menos-, superando en máis de 3 puntos a baixada media de España. Deste xeito, Galicia leva xa cinco anos consecutivos de caída de paro interanual nun mes de agosto nos que temos 93.100 desempregados menos, e as cifras sitúan á Comunidade en niveis inferiores aos de hai 9 anos.

 

Ademais, puxo en valor que, por primeira vez nun mes de agosto desde 2011, a Comunidade supere o millón de afiliacións -1.020.388 cotizantes-, o que supón 21.497 afiliacións máis e permite que levemos dez meses consecutivos por riba dos 20.000 afiliados.

 

Igualmente, celebrou que a contratación indefinida e a tempo completo continúen subindo, pois mentres a indefinida medrou un 58,23% -case 25 puntos máis que na media de España- e supera en máis de 57 puntos o ritmo de subida da temporal; a contratación a tempo completo aumentou un 6,49%, un ritmo que quintuplica o reflectido a tempo parcial.“Somos conscientes de que aínda queda moito por facer e comprometémonos a seguir traballando para continuar camiñando pola senda da recuperación”, recoñeceu Tellado ao tempo que indicaba que as cifras respaldan “outra vez máis” as políticas activas de emprego da Xunta.  

 

IMPULSAR A ECONOMÍA

A economía segue recuperándose e con forza en Galicia, apoiada nas políticas da Xunta e na solidez do Goberno galego, xa que, como indicou Tellado, o seu impulso é a prioridade dos populares.

 

Máis polo miúdo, concretou que o PIB continúa crecendo, pechando o primeiro trimestre cun crecemento anual do 2,8% por enriba de España, e encadeando xa 11 trimestres consecutivos con taxas de crecemento anuais próximas ou superiores ao 3%. De igual xeito, as empresas galegas son cada vez máis internacionais, batendo récords de exportacións –rexistrouse un incremento do 7,3% no primeiro semestre do ano fronte ao 2,9% da media estatal-; e a industria é cada vez máis forte, logo de aumentar a produción industrial un 8% no primeiro semestre fronte o 1,8% da media española.

 

“Queda demostrado que a estabilidade de Galicia deu os seus froitos na Comunidade mentres a inseguridade e debilidade do Goberno de Sánchez só dan como resultado menos emprego, máis carga fiscal e máis endebedamento para España”, sentenciou.      

Síguenos nas redes sociais