Utilizamos cookies para asegurar que damos la mejor experiencia al usuario en nuestro sitio web. Si continúa utilizando este sitio asumiremos que está de acuerdo. Más información Política de Cookies

O PPdeG avanza a inclusión no Pleno da comparecencia a petición propia do Vicepresidente da Xunta para informar das actuacións no accidente do Marisquiño

03 Sep 2018
Santiago, 3 de setembro de 2018.- O Grupo Popular solicitará na Xunta de Portavoces de mañá a inclusión no Pleno da vindeira semana da comparecencia do Vicepresidente da Xunta para informar das actuacións da Administración galega no accidente do festival do Marisquiño en Vigo, segundo avanzou hoxe o portavoz Pedro Puy. Así mesmo, indicou que o PPdeG continuará no novo período de sesións “defendendo os intereses de Galicia ante as decisións do Goberno central que introducen incertezas moi grandes”, para o que “espero que os socialistas galegos nos axuden e sexan coherentes”.
 

 

A maiores do apoio á petición de comparecencia por iniciativa propia do Vicepresidente da Xunta para informar das actuacións da Xunta con motivo do accidente ocorrido durante a celebración do festival do Marisquiño en Vigo, Pedro Puy engadiu que “tamén proporemos a inclusión na sesión plenaria do debate para a aprobación do ditame da Comisión de estudo sobre política forestal e incendios forestais.
 

 

MAN TENDIDA
 

 

Neste sentido, lembrou que o ditame xa contou co respaldo en comisión dos grupos parlamentarios do PPdeG e do PSdeG, polo que manifestou que “mantemos a man tendida para que tanto En Marea como o BNG se sumen ao documento, xa que se incorporaron moitas emendas destes grupos e incluso apoiaron na votación en Comisión moitas das iniciativas incluídas no ditame”.
 

 

A modo de resumo, o portavoz popular dixo que o ditame recolle recomendacións como    a necesidade dunha planificación integral do territorio e dos usos do solo rural; dotar de novas competencias á Axencia Galega de Desenvolvemento Rural (Agader) para impulsar a mobilidade de terras produtivas e a creación de polígonos agrarios e distritos forestais; centralizar nun ente instrumental específico, dependente da Xunta, as funcións en materia de prevención de incendios e vixilancia de incumprimentos; ou a creación dun grupo de expertos para optimizar a eficacia do servizo de extinción de incendios.
 

 

“Vai ser un pleno con contido que abre un novo período de sesións intenso no que conflúen o Debate sobre o Estado da Autonomía e a tramitación dos orzamentos da Xunta para 2019, pendentes da aprobación do teito de gasto”, sinalou.
 

 

CRECEMENTO ECONÓMICO E ESTADO DE BENESTAR
 

 

Cuestionado sobre as prioridades do Grupo Popular para os vindeiros meses, Puy asegurou que “seguiremos centrados en dous grandes ámbitos: continuar cun crecemento económico san e sostible dos nosos sectores produtivos para xerar emprego e mellorar as prestacións sociais do Estado de  Benestar”.
 


Neste sentido, asegurou que “non facemos oposición ao Goberno de Pedro Sánchez, porque o que nos preocupa é que as súas actuacións estean condicionadas por unha minoría parlamentaria clamorosa que lle obriga a pactar cos seus aliados cuestións que prexudiquen a Galicia”. “Seguiremos defendendo os intereses de Galicia sempre que as decisións que se adopten prexudiquen a esta comunidade”, indicou.

Síguenos nas redes sociais