Utilizamos cookies para asegurar que damos la mejor experiencia al usuario en nuestro sitio web. Si continúa utilizando este sitio asumiremos que está de acuerdo. Más información Política de Cookies

Os populares galegos comezan a perfilar unha nova rolda de visitas a pequenos concellos

28 Abr 2017

Santiago, 28 de abril 2017.- O secretario xeral do PPdeG, Miguel Tellado, ofreceu unha rolda de prensa este venres na que anunciou que aproveitando que a climatoloxía empeza a permitilo, desde o partido comézase a perfilar unha nova rolda de visitas do noso líder a concellos para encontros con veciños, inspirada nos Faladoiros do ano pasado.  “O presidente Feijóo sinalou logo das eleccións que a súa promesa de estar a pé de rúa e na meirande parte de concellos de Galicia non era unha simple fase de campaña, senón unha vontade sincera de achegarse a todos os galegos”, destacou.

Do mesmo xeito, Tellado quixo poñer enriba da mesa que a actividade interna do partido nos últimos meses está a ser “moi gratificante”, e avanzou que a vindeira semana se reunirá o Comité de Cidades para afondar na “estreita colaboración” que mantén o partido a nivel autonómico coas agrupacións locais.

 

“Cremos que alá onde somos oposición, o partido está realizando un traballo encomiable, sereo e construtivo, na medida que os gobernos locais o están permitindo”, apuntou. Así, salientou a necesidade de coñecer de primeira man as impresións dos portavoces e líderes locais para mellorar o traballo colectivo. Ademais lembrou que non só se celebran encontros deste tipo, senón que é o propio secretario xeral o que está a visitar as agrupacións para coñecer de primeira man o seu funcionamento e necesidades.

 

“REILUSIONAR” A CORUÑA E LUGO

Tamén en clave interna, o número dous dos populares galegos valorou moi positivamente o desenvolvemento do último congreso local na cidade da Coruña e a primeira semana de traballo de Beatriz Mato á fronte do novo proxecto. “Neste caso, o novo comité executivo representa tres das mellores características que pode ter un equipo que se dedique á política: a paixón polo servizo aos seus veciños, a ilusión por cambiar a súa cidade e as ganas de dalo todo por un proxecto de cidade que pague a pena”, recalcou.

 

Nun sentido similar, agarda que a vindeira cita desta importancia, como é o congreso local de Lugo, sirva tamén para “reilusionar a unha cidade que hoxe se atopa gobernada por unha persoa que non foi votada como alcaldesa por ningún dos seus veciños e que nin sequera ten a lexitimidade de representar á opción política que gañou as eleccións”.


INXURIAS DE CARMELA SILVA

O secretario xeral tamén se quixo referir ás “desafortunadas palabras” de Carmela Silva desta mesma semana, nas que non só inxuriou a todo o Partido Popular, senón que ameazou á portavoz municipal de Vigo, Elena Muñoz, á que instou a que “tenga cuidadito con lo que dice”.

 

“Sabemos que o macarrismo populista está de moda, e que moitos socialistas se senten atraídos polas ideas e os modos das Mareas de Podemos” subliñou, e engadiu que “sabemos tamén que Abel Caballero e os seus non teñen demasiado sentido do respecto ás institucións que gobernan, e moito menos das que non gobernan”.

 

Deste xeito, Tellado concluíu a súa intervención lamentando a “longa serie de sucesos” protagonizados pola esquerda que entende que non contribúen a dignificar a vida política de Galicia.

Síguenos nas redes sociais