O Parlamento aproba instar á Xunta a traballar conxuntamente cos gandeiros no fortalecemento das organizacións de produtores lácteos

27 Abr 2017

Santiago, 27 de abril de 2017.- O Parlamento de Galicia aprobou hoxe unha proposición non de lei, a iniciativa do Grupo Popular, a través da que se insta á Xunta a traballar conxuntamente cos gandeiros no fortalecemento das organizacións de produtores como instrumento para reforzar a súa capacidade na negociación das condicións de venda do leite e a participación na comercialización e valor engadido da produción.


O deputado Daniel Vega lamentou que os grupos da oposición non apoiaran esta iniciativa, “a pesar de tenderlles a man con espírito de encontro e para traballar conxuntamente polo sector”. “Resulta moi difícil traballar cunha oposición que entende máis de dar paus que de dar a man", indicou.


IMPULSO AO SECTOR


Vega manifestou que esta iniciativa parlamentaria “segue na liña de impulso ao sector lácteo galego e de busca de medidas para mellorar a súa competitividade”.


“As organización de produtores lácteos son o instrumento e a ferramenta necesaria para mellorar o prezo do leite en Galicia”, sinalou o deputado popular, quen apuntou que “estamos na liña de poñerlle unha solución a un tema tan problemático e a figura das organizacións de produtores é a solución”.


Daniel Vega lembrou que “na actualidade temos en Galicia dúas organizacións de produtores lácteos e son grandes instrumentos de negociación”. Neste sentido, explicou que “unha organización, cun conxunto importante de gandeiros detrás, pode negociar o volume e a calidade” en mellores condicións que un gandeiro a nivel individual. “Ese poder de negociación é sumamente necesario hoxe no campo galego”, engadiu.

Síguenos nas redes sociais