Utilizamos cookies para asegurar que damos la mejor experiencia al usuario en nuestro sitio web. Si continúa utilizando este sitio asumiremos que está de acuerdo. Más información Política de Cookies

O Grupo Popular defenderá no pleno a modernización da conexión ferroviaria entre A Coruña e Ferrol

18 Abr 2017

Santiago, 18 de abril de 2017.- O Grupo Popular defenderá no Pleno da vindeira semana demandar ao Goberno central a modernización da conexión ferroviaria entre A Coruña e Ferrol, así como apoiar aos centros de formación profesional como verdadeiros impulsores da innovación no sector empresarial galego.


Ao remate da reunión da Xunta de Portavoces, o portavoz do Grupo Popular, Pedro Puy, concretou que a sesión plenaria, na que 21 dos 28 asuntos que se incluíron na orde do día foron a iniciativa dos grupos da oposición, dará comezo coas comparecencias da Valedora do Pobo, para dar conta do seu informe anual de 2016; e da conselleira de Infraestruturas e Vivenda, sobre os plans de rehabilitación previstos por este departamento do Goberno galego.


REDE DE INNOVACIÓN


A proposta do Grupo Popular, o Pleno incorpora dúas proposicións non de lei e tres preguntas ao Goberno. A primeira das proposicións ten como obxectivo que o Goberno galego apoie aos centros de FP e aproveite a súa implantación territorial como unha auténtica rede de innovación e relación co mundo produtivo.


Puy salientou o esforzo que o actual Goberno galego está a facer no impulso da formación profesional, “adaptando o noso sistema educativo ás demandas laborais do futuro”. En concreto, sinalou que “estase apostando polos centros integrados de FP, no desenvolvemento de viveiros de empresas ou na ampliación da colaboración co mundo empresarial a través da formación nos centros de traballo e a formación dual”.


ACURTAR TEMPOS DE PERCORRIDO


A segunda proposición non de lei que defenderá o Grupo Popular solicita ao Goberno central o impulso da modernización da conexión ferroviaria entre A Coruña e Ferrol a través dunha planificación estratéxica que permita avanzar de modo firme e constante acurtando progresivamente os tempos de percorrido.


O portavoz popular salientou os avances rexistrados no transporte ferroviario en Galicia nos últimos anos, polo que considerou “necesario incluír nesta planificación a conexión ferroviaria entre A Coruña e Ferrol, de xeito que se facilite un acceso aos usuarios desta zona ao eixo atlántico e á conexión da alta velocidade coa Meseta”, indicou.


Os deputados do Grupo Popular tamén cuestionarán ao Goberno galego sobre a promoción do sector turístico galego, a posta en marcha dunha aplicación de urxencias sanitarias en Galicia e os resultados da convocatoria da primeira convocatoria de oposicións reservadas exclusivamente a persoas con discapacidade intelectual.

Síguenos nas redes sociais