Utilizamos cookies para asegurar que damos la mejor experiencia al usuario en nuestro sitio web. Si continúa utilizando este sitio asumiremos que está de acuerdo. Más información Política de Cookies

Pedro Puy afirma que cuestionar os orzamentos de España para Galicia "non é unha realidade que se constate con estudos académicos solventes"

10 Abr 2017

Santiago, 10 de abril de 2017.- O portavoz do Grupo Popular, Pedro Puy, afirmou hoxe que “cuestionar os orzamentos de España na súa relación con Galicia, como está a facer a oposición, non é unha realidade que se constate con estudos académicos solventes”, polo que indicou que “dicir que España marxina a Galicia é facer un exercicio de voluntarismo e de posverdade”.


Pedro Puy iniciou a súa comparecencia ante os medios amosando o pesar do Grupo Popular polo “prematuro pasamento de Carmen Chacón, exemplo de dedicación e de compatibilizar a dobre pertenza a unha comunidade histórica, como é Cataluña, e a  común Nación de todos os españois, a través de postos tan importantes como o Ministerio de Defensa”.


SEGUNDA EN INVESTIMENTO PER CÁPITA


Respecto dos orzamentos do Estado, o portavoz popular lembrou que Galicia é a segunda comunidade en investimento per cápita, unicamente superada por Castela e León, na que se inclúen as obras do AVE a Galicia nese territorio; e situándose á altura de Cantabria; duplicando a Cataluña; e cunhas cifras moi superiores a Canarias. “Non se pode falar de que este ano sexa un castigo ou discriminación a Galicia, cando somos a quinta comunidade por investimento bruto ou a cuarta se lle engadimos o gasto extraorzamentario”, engadiu.


Neste sentido, rexeitou os cualificativos de “castigo, menosprezo ou agravio a Galicia” utilizados pola oposición, que non se corresponden coa realidade. “Tanto dos orzamentos deste ano como dunha análise dos investimentos do Estado en  Galicia podemos concluír que España apoia á Comunidade galega e o seu desenvolvemento tamén en 2017”, manifestou.


En concreto, Puy citou sendos informes de SEOPAN, no que se concreta que Galicia vén recibindo desde 2001 o 10 por cento do total do investimento do Estado; e da Fundación IVIE, onde tamén se pon de manifesto que o investimento no tempo en infraestruturas galegas supera a porcentaxe tanto de poboación, como do PIB ou da superficie territorial. 

   
RECUPERAR A RECADACIÓN


“A Galicia interésalle que España sexa capaz de recuperar a recadación, non con novos impostos senón incorporando novos contribuíntes, ao tempo que interesa que os orzamentos se cumpran en todos os sentidos, tanto na execución como no sentido de seguir cumprindo cos obxectivo de déficit pactados coa Unión Europea”, concretou o portavoz popular.


Pedro Puy subliñou que “o importante agora é que haxa estabilidade” e indicou que “quen máis están a criticar os orzamentos non están pola labor de aprobalos”. Ademais, apuntou que “os orzamentos de 2017 superan aos executados o pasado ano, cando houbo unha paralización debida pola falta de estabilidade política”.


Respecto da creación dunha comisión de seguimento da execución dos orzamentos no Parlamento, Puy afirmou que a oposición “vai detrás do Presidente da Xunta, tanto no tempo ao presentar a iniciativa despois do seu anuncio, como porque o Goberno ten medios e capacidade para facer este seguimento. Neste sentido, engadiu que “dese seguimento o  Parlamento terá información ao respecto”.


RECHAMANTE CAMBIO DE POSTURA SOCIALISTA


Sobre a solicitude do Grupo Socialista de retirar as axudas para a contratación de curas nos hospitais, o portavoz popular dixo que “o  Goberno fai ben cumprindo o que marca a Constitución mantendo a neutralidade sobre a cuestión relixiosa, colaborando con aquelas confesións que teñan arraigo no territorio, e nomeadamente coa que máis ten que é a Igrexa Católica”.


“Se hai un partido que se pode poñer como exemplo de ter feito no pasado esta colaboración coas confesións é o Partido Socialista, polo que aínda resulta máis rechamante este cambio de posición no PSOE”, sinalou o portavoz popular, quen apuntou que “nós estamos onde sempre estivemos: no principio de aconfesionalidade do Estado e de liberdade relixiosa, que obriga aos poderes públicos a manter relacións de cooperación coas confesións relixiosas, e nomeadamente coa maioritaria”. “Iso é o que marda a nosa Constitución no seu artigo 16, que creo que é un excelente compromiso entre posturas máis extremas que no pasado enfrontaron aos españois”, concretou.

Síguenos nas redes sociais