Utilizamos cookies para asegurar que damos la mejor experiencia al usuario en nuestro sitio web. Si continúa utilizando este sitio asumiremos que está de acuerdo. Más información Política de Cookies

O PPdeG avoga por modificar a normativa da plusvalía municipal para adaptala ás sentenzas do Tribunal Constitucional

07 Abr 2017

Santiago, 7 de abril de 2017.- O deputado do Grupo Popular José González Vázquez avogou hoxe no Parlamento, ante as recentes sentenzas do Tribunal Constitucional que declaran a inconstitucionalidade do método de cuantificación da base impoñible da coñecida como plusvalía municipal, porque se modifique a normativa deste imposto para adaptalo ao criterio emanado destas sentenzas.


José González explicou que o imposto sobre o incremento de valor dos terreos de natureza urbana, coñecido popularmente como plusvalía, “é un tributo local e potestativo, xa que cada concello pode decidir se o establece ou non”. A cuantificación deste imposto faise de forma obxectiva atendendo ao seu valor catastral e aos anos durante os que o propietario foi titular do terreo.

 


TRIBUTACIÓN AÍNDA EN CASO DE PERDA


“Este método de cuantificación estableceuse por razóns de simplificación da aplicación do imposto, pero provoca situacións nas que, a pesar de non existir un incremento real do valor do terreo ou mesmo unha perda de valor, a aplicación da norma determina a tributación por este imposto, problema que se recrudeceu nos últimos anos pola crise inmobiliaria que derivou nunha perda xeneralizada de valor dos inmobles urbanos”, indicou.


González sinalou que “as recentes sentenzas do Tribunal Constitucional se refiren unicamente a normativa foral do País Vasco, pero ademais non declaran a inconstitucionalidade de todo o imposto senón só do método de cuantificación da base impoñible”. Así, apuntou que “se refiren só aos casos nos que se sometan a tributación supostos nos que non se produza incremento de valor da propiedade transmitida”. Por este motivo, considerou “importante que se traslade á sociedade unha información correcta co fin de non xerar falsas expectativas”.


NON CONFUNDIR AOS CIDADÁNS


Así, o Grupo Popular defendeu que “o lexislador estatal emprenda unha modificación da normativa do imposto para adaptalo ao criterio emanado destas sentenzas, co matiz de que sería un suposto de non suxeición e que en última instancia son as Cortes Xerais as que deberán aprobar a modificación”.


Dentro da liña de non confundir aos cidadáns, apuntou que “non cabe a devolución de oficio por parte dos concellos, polo que haberá que instar a rectificación das autoliquidacións realizadas e a consecuente devolución de ingresos indebidos”.


Ademais, asegurou que “a maior dificultade estriba en determinar os supostos nos que deba ter lugar a devolución, que non será en todos e limitarase aos casos nos que non se producira aumento de valor da propiedade”. “Isto requirirá unha modificación lexislativa que posibilite unha actividade probatoria dos contribuíntes e do concello orientada a constatar a existencia dun incremento ou decrecemento do valor”, engadiu.


“Quen ten que proceder á devolución é o concello recadador, para o que consideramos necesario que os concellos habiliten mecanismos para que a devolución do recadado indebidamente se realice da forma máis eficaz posible e mediante procedementos áxiles, co fin de evitar a conflitividade neste ámbito tributario”, dixo.

Síguenos nas redes sociais